DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnado da Universidade presenta no curso de verán de Celanova unha produción 'express'

Con 'fame' de webseries

O obxectivo da iniciativa é introducir aos estudantes nas rutinas de traballo do sector audiovisual

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 17/07/2013

A viaxe de Eme e Uve interrómpese ao anoitecer por culpa dunha avaría no seu coche que lles obriga a quedarse a durmir nunha casa rural. Alí pasarán unha noite de festa desenfreada na que coñecerán a un rapaz e na que se desencadearán unha serie de acontecementos imprevistos... Así se presenta Fame, a webserie realizada por un grupo de alumnos e alumnas da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo e que se estrea no marco X Curso audiovisual de Celanova que comezou este mércores en Celanova.

“A webserie consta de tres capítulos, cada un cunha duración aproximada de oito minutos e estrearase cada un deles durante os tres días de celebración do curso de verán. Estamos impacientes por amosala ao público. A pesar de ser unha produción express, gravada nunha fin de semana de rodaxe e editada estes días, quedou ben feita”, explica Paulino Pérez, o docente da Universidade de Vigo encargado do taller Celanova, plató de ficción no marco de cal cada ano se realiza un produto audiovisual por parte de alumnos universitarios. Segundo comenta, a creación desta produción faise, non con pretensión comercial ou profesional, senón como unha práctica dos estudantes e co obxectivo principal de introducilos nas rutinas e nos tempos de traballo do sector audiovisual.

Con moitas gañas de amosar o traballo feito estes días e de ver a resposta de público e expertos, o equipo participante agardaba con nervios e ilusión a estrea este mércores do primeiro do capítulo. En total, indica Paulino Pérez, participaron na iniciativa oito estudantes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, cinco da Escola Superior de Arte Dramática ESAD e unha maquilladora, alén da súa coordinación. “Como cada ano este taller é unha experiencia estupenda, para nós e sobre todo para os estudantes. Traballan moito, coa presión de ter que ter o produto rematado en moi pouco tempo pero con calidade e iso é unha lección moi importante para o seu futuro profesional”, destaca o docente do campus de Pontevedra. A serie poderá verse trala súa estrea na páxina en Facebook do proxecto e na Uvigo TV.

14 sesións e 30 creadores

Alén da estrea desta webserie, o X Curso audiovisual de Celanova. O audiovisual galego: presente cambiante e alternativas de futuro contou este mércores coas primeiras conferencias, proxeccións e coa súa inauguración oficial, na que estiveron María Lameiras, vicerreitora do campus; Miguel Anxo Fernández, director da iniciativa; Xavier Casares, presidente da Fundación Carlos Casares; Anxo Lorenzo, secretario de Cultura da Xunta; César Fernández, asesor de Cultura da Deputación Provincial de Ourense, e Luis Ferro, alcalde de Celanova. “O grande éxito deste curso é conseguir que o audiovisual galego siga estando presente no espazo universitario e na cidadanía en xeral”, salientou María Lameiras. Esta iniciativa, apuntou Miguel Anxo Fernández, “fai que consigamos algo tan necesario como que o audiovisual galego se visibilice diante do seu público”.

Segundo destacou César Fernández, “o curso dá a esta vila a capitalidade do audiovisual galego durante os seus días de celebración", e, engadiu Anxo Lorenzo, destaca o papel de Celanova como vila creativa. Son, recalcou Luis Ferro, xa dez anos, que, desexou Xavier Casares, oxalá se convertan en outros dez anos máis apostando polo audiovisual feito en Galicia. Mentres se cumpren eses desexos, desde este mércores e ata o venres, Celanova acollerá 14 sesións na que máis de 30 creadores galegos amosarán as últimas producións realizadas nos diferentes xéneros e formatos.