DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un seminario afonda este xoves e venres no campus sobre a instauración da monarquía borbónica

De como Felipe V revolucionou a organización do poder en Galicia

Os relatores salientan a importancia que tivo ese período na configuración territorial do estado

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 21/01/2016

Para comprender a realidade dun país é necesario mergullarse na súa historia pois é alí onde se atopan as claves para entender a súa orixe. Con esta filosofía, persoal investigador e docente das tres universidades galegas reúnese este xoves e venres no campus de Ourense co obxectivo de afondar nas consecuencias que tivo para Galicia a instauración da monarquía borbónica en España no século XVIII, coa chegada ao poder de Felipe V, “o animoso”. Coas súas achegas queren contribuír a botar luz a un episodio da historia galega “pouco estudado” a pesar de tocar aspectos “que conectan coa actualidade”, como a organización territorial do estado. Correxidores, intendentes, señoríos, igrexa, elites locais son algúns dos protagonistas deste capítulo da historia.

O contexto

O encontro, ao que asisten unhas 30 persoas, é seminario científico que leva por título Galicia e a instauración da monarquía borbónica. Poder e dinámica política e celébrase no marco das actividades do proxecto de I+D subvencionado polo Ministerio de Economía e Competitividade Galicia e a instauración dos Borbóns, desenvolvido polo equipo de investigación en Historia Moderna da Universidade de Vigo, con María López á cabeza. “A investigación é importante facela pero tamén é importante divulgala nas aula e alén delas”, salientou. Por este motivo, comenta, propuxéronse realizar este seminario no que se convidou a docentes de diferentes disciplinas que investigan sobre o tema a expor os seus traballo e debater sobre eles con outros expertos e co alumnado interesado na materia.

Este xoves, a cita foi inaugurada por Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Susana Reboreda, decana da Facultade de Historia, e María López, presidenta do comité organizador. “Non podemos entender onde vivimos e cara onde vamos se non entendemos de onde procedemos, cales son as nosas orixes e a evolución histórica. Este seminario é unha oportunidade de entender mellor porque estamos onde estamos”, recalcou o vicerreitor, que fixo fincapé na faciana “dinámica, activa e participativa” da Facultade de Historia. A iniciativa, recalcou Susana Reboreda, é posible grazas “á grande actividade do profesorado deste centro organizando actividades complementarias para o alumnado, que son moi importantes para a súa formación”.

A peza clave dos correxidores

O seminario comezou cunha mesa moderada por María del Carmen Saavedra, da Universidade de Santiago de Compostela, na que participaron Manuel María de Artaz, tamén da USC, e a propia María López. De Artaz falou sobre o cambio institucional en Galicia coa chegada de Felipe V, afondando en como “a xunta do Reino de Galicia, a voz do antigo reino que durante o século XVII xogou un papel relevante nos asuntos militares e económicos de Galicia, vai ser desprazada polo novo sistema borbónico que se instaura, que vai a confiar as súas funcións a outros axentes da coroa, como o intendente e o capitán xeral”, apuntou. Porén, as elites galegas presentaron unha “resistencia decidida” para manter o poder que tiñan no momento da chegada de Felipe V.

Pola súa banda, María López afondou no papel dos correxidores e dos correximentos en Galicia entre 1700 e 1759. A figura dos correxidores, apuntou a investigadora, vén da época dos Reis Católicos, e mantívose no tempo con diferentes fases. No período estudado, indicou, eran “os axentes do poder real no ámbito periférico, a punta de lanza da monarquía a nivel territorial local”. A chegada e reinado de Felipe V supuxo cambios moi importantes para eles. Deste xeito, en 1748, Betanzos deixa de estar na demarcación da Coruña e pasa a ter correxidor propio. Polo que respecta á Coruña, estes cambios tamén se traduciron na creación da figura do intendente militar, con competencias máis amplas e un rango institucional máis elevado. Salvo esta figura na Coruña, comentou López, o resto de correxidores, que estaban en lugares estratéxicos, concretamente en Viveiro, Baiona e Ourense ademais dos xa citados de Betanzos e A Coruña, eran “togados” vinculados á burocracia real ou a burocracia en xeral. Estas figuras, destacou a docente, “supoñen a presenza directa da monarquía, son unha peza clave ao seu servizo pois operan como correa de transmisión entre a corte e cada demarcación territorial e política, exercen o poder real na súa xurisdición por delegación do rei”.

Tamén sobre este impacto da chegada dos borbóns na organización do poder local traballa o docente da Facultade de Historia do campus de Ourense Antonio Presedo, que durante a súa intervención este venres falará de como se organizaba a reprodución social dos membros do concello de Ourense na última etapa de Carlos II e a primeira etapa de Felipe V. “Tiñan unha serie de estratexias baseadas en políticas de familia, nos enlaces matrimoniais con persoas que exercen cargos en diferentes ámbitos. A familia e o seu contacto coa institución xogaba un papel moi importante nesta reprodución”, comentou. No caso de Ourense esta dinámica grupal é paradigmática, sinalou, porque nela participan máis familias que noutras capitais de provincia e a chegada da nova dinastía supuxo para elas moitos cambios.

As intervencións do seminario recolleranse nunha publicación coa que se intentará actualizar a bibliografía específica existente sobre o impacto en Galicia da instauración da monarquía borbónica, bibliografía que na actualidade, apuntaron durante o seminario, limítase a dúas monografías publicadas nos anos 70.