DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na asemblea xeral da Organización Internacional de Cerimonial e Protocolo celebrada en Paraguai

Fernando Ramos é reelixido por unanimidade director da Academia Internacional de Protocolo

O profesor de CCSS e da Comunicación dirixe desde hai dous anos un organismo que realiza un labor di

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI 28/05/2014

Co apoio unánime de todos os integrantes da asemblea xeral da Organización Internacional de Cerimonial e Protocolo (OICP), o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Fernando Ramos vén de ser reelixido director da Academia Internacional de Protocolo (AIP), na xuntanza que esta organización acaba de celebrar na capital de Paraguai, Asunción. Nesta mesma cidade, o docente e xornalista fora elixido hai dous anos máximo responsable deste estamento da OICP, responsable de levar a cabo un labor divulgador do protocolo e o cerimonial como unha ciencia social.

Asociacións profesionais de especialistas en protocolo de diferentes partes do mundo, principalmente de países europeos e americanos, e diferentes entidades académicas dedicadas ao campo da comunicación institucional integran a OICP, unha organización na que nos últimos anos Ramos ten desempeñado diversos cargos de responsabilidade. Neste senso, antes de ser elixido director da AIP o profesor de Ciencias Sociais e da Comunicación exerceu tanto de asesor da presidencia como de presidente da Comisión de Deontoloxía da OICP e é o autor do Código Deontolóxico do Protocolo que esta organización internacional aprobou en outubro de 2007 en Roma.

Un espazo de encontro para o coñecemento do protocolo

Explica Ramos que a AIP é un organismo independente da OICP que “ten como misión proxectar sobre a comunidade profesional, docente, investigadora e usuaria os coñecementos, avances, proposicións e materiais de apoio que lles permitan un adecuado desenvolvemento dos seus fins” dentro dos ámbitos do protocolo e a comunicación institucional. Por ese motivo, este organismo é presentado como un “espazo de encontro, reflexión, recapitulación, ordenamento e depósito do coñecemento e da investigación” nunhas áreas que Ramos define como “fundamentos do gran percorrido histórico da humanidade”.

A AIP é un dos organismos independentes cos que conta a OICP, que na asemblea xeral que vén de celebrar elixiu ao paraguaio Herminio González como novo presidente. Adenaus da academia que dirixe Ramos, esta organización internacional tamén conta cun Centro Internacional de Datos, que dirixe o paraguaio Luis Arroyo; un Rexistro Internacional de Cerimonial e Protocolo, do que é responsable o arxentino Jorge Salvati, e cunha Comisión de Dentoloxía, que actualmente preside o arxentino Eduardo Sadous.