DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os membros da delegación de alumnos desta facultade coñécense pola cor das súas camisetas

As 'fichas negras' de Ciencias da Educación e do Deporte

Un órgano moi activo, organiza cursos e brinda asesoramento continuo aos estudantes de novo ingreso

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijóo DUVI 25/09/2012

Grazas á camiseta que lles dá nome, calquera “despistado ou despistada” na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte pode localizalos rapidamente e resolver no momentoas súas dúbidas. Son os ‘mozos e mozas de negro’, así se coñecen popularmente os membros da delegación de alumnado deste centro do campus pontevedrés. “Ademais de identificarnos facilmente tamén é un sinal de identidade e de orgullo”, comenta Alejandro Torres, o máis veterano, sobre ir uniformados. 12 son os estudantes que conforman esta delegación “activa e comprometida” coa súa facultade “e que pretende mellorar as condicións do colectivo que representamos”.

Así define a filosofía de traballo deste órgano o seu membro máis veterano, Alejandro Torres, que comeza neste curso o seu cuarto ano ao fronte da mesma. “Pasei a formar parte da delegación cando estaba en segundo de carreira de Ciencias da Actividade Física e do Deporte e agora que son estudante de terceiro ciclo quero continuar dedicándolle tempo á que considero tamén miña casa”, comenta Torres. Entre outras cuestións, esta delegación de alumnos ten como obxectivo contribuír na mellora do funcionamento do centro, tanto no extra académico como no referido ás clases. “Somos conscientes de que Ciencias da Educación e do Deporte é unha facultade nova polo que todos temos que unir esforzos para dotala de funcionalidade e sacar máximo proveito aos recursos dispoñibles”, comentan algúns dos seus integrantes dende a súa sede.

Múltiples funcións

En relación directa co decanato, “somos o vehículo intermediario entre o equipo de goberno e o alumnado, tramitando todo tipo de peticións”, describe Torres. Pero unha das responsabilidades á que lle dedican máis esforzos é a organización de cursos e obradoiros formativos que completen os plans de estudos das titulacións impartidas neste centro. Seminarios iniciais sobre socorrismo ou primeiros auxilios son algúns exemplos, pero este ano comezaron "forte" promovendo un para os graos de educación, titulacións con representación na delegación dende o pasado curso. “Recentemente entraron a formar parte deste colectivo por primeira vez estudantes dos graos de educación, o que nun principio pode resultar contraditorio porque son maioría neste centro”. A súa dedicación dá os seus froitos pois conseguiron integrarse na organización das xornadas que se leven a cabo no centro, como as probas de acceso ao Grao de Ciencias da Actividade Física e do Deporte; comprobar a idoneidade de horarios e calendarios de exames antes de ser aprobados pola Xunta de goberno da facultade “e ata logramos que nos cambiaran as cadeiras de paleta por mesas”, engade Torres.

Outra das súas funcións consiste en converterse “nos compañeiros de apoio para os que comezan a súa andaina neste centro”. Os membros que neste curso rematan os seus estudos confesan que no empezo se sentiran moi confusos e perdidos, en parte pola implantación do Plan Boloña. “Non queremos que as novas xeracións pasen polo mesmo así que aquí estamos para despexarlles dúbidas e aclararlles todo sobre os seus dereitos e deberes”, comentan Natalia Costas e Noelia Fernández. O certo é que esta dedicación á delegación de alumnos "róuballes" tempo para outras actividades, pero non dubidan en manter o seu compromiso ano tras ano.

En canto aos retos, Torres confesa que lles gustaría continuar na liña de traballo marcada, “involucrándonos máis directamente no desenvolvemento e consolidación desta facultade”. Defínense como un grupo unido, “todos imos a unha”, de aí que sempre que se convocan eleccións decidan concorrer nunha candidatura conxunta “garantindo dalgunha forma o bo funcionamento da delegación tentando mesturar sempre novos membros coa sabedoría antiga”, explican. Nestes momentos atópanse inmersos nunha campaña de captación de novos membros “para tentar cubrir as prazas vacantes que quedaron libres nas últimas eleccións”, sinala Torres. Por outra banda, gustaríalles crear rede de colaboración coas outras delegacións das facultades e escolas pontevedresas “xa que debemos facer fronte común e hai cuestións que teríamos que traballar a nivel campus”, reflexiona o seu membro máis veterano. Estes 12 alumnos son o exemplo de que “á facultade vénse a algo máis que aprender uns coñecementos”, engade Torres “e de que os mozos tamén nos comprometemos co desenvolvemento e mellora da nosa contorna”.