DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Cátedra Bancaja da Universidade de Vigo colabora na celebración do Startup Weekend Galicia

Unha fin de semana por diante para crear un proxecto emprendedor

O evento desenvólvese ata o 3 de xullo en Vigo

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 01/07/2011
54 intensas horas por diante, un grupo de xente multidisciplinar, moito entusiasmo, ideas e espírito emprendedor e o obxectivo común de, nunha fin de semana, crear aplicacións web ou móbiles que poidan servir como base para un proxecto emprendedor viable. Así se presenta o Startup Weekend Galicia que se celebrará do 1 ao 3 de xullo en Vigo e que, entre outras entidades, conta coa colaboración e patrocinio da Cátedra Bancaja Xoves Emprendedores da Universidade de Vigo.

Segundo explican os seus organizadores, o Startup Weekend, formato posto en marcha en 2007 por Andrew Hyde, desenvólvese con éxito actualmente en máis de 30 países e constitúe unha das principais comunidades internacionais de emprendedores. Baséase no concepto dunha conferencia enfocada a aprender creando, pensando “fóra da caixa” e tomando decisións rápidas. Nel, un grupo moi motivado de empresarios, entusiastas do negocio das iniciativas emprendedoras de base innovadora, expertos en mercadotecnia, artistas visuais e outros profesionais comparte sesións de traballo en equipo para construír, ou intentar construír, un proxecto empresarial.

Aprendizaxe intensa

Os participantes do Startup Weekend, organizada en Galicia por José Iglesias, María Encinar e Iago Soto, deciden o que queren abordar durante a fin de semana, traballan sobre esas propostas chegan ao final das sesións con varios proxectos desenvolvidos. Os propios participantes son os responsables de achegar toda a súa enerxía e paixón ás propostas e intentar cristalizar as ideas en proxectos concretos.

A edición de Vigo comeza este venres día 1 de xullo, ás 19.00 horas, coa exposición en grupo de ideas e rematará o domingo día 3, ás 18.00 horas, coa presentación dos proxectos a un xurado que elixirá os tres mellores equipos. A cita, que se desenvolve nas oficinas de Elogia, ofrece aos asistentes unha aprendizaxe intensa, unha dinámica de grupo moi produtiva e moita diversión, creatividade e espírito emprendedor.