DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A iniciativa celebra dez anos no Pavillón de Deportes do campus

Unha fin de semana on line coa Scul Party 2011

Será unha gran festa de 72 horas de navegación, diversión e deporte

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 10/06/2011
Ás 10.00 h do venres arrancou a Scul Party 2011, a festa informática anual do campus de Ourense que este ano reune a máis dun cento de afeccionados do 10 ao 12 de xuño no Pavillón de Deportes universitario. Serán 72 horas nas que as novas tecnoloxías e a diversión fronte á pantalla do ordenador serán as grandes protagonistas e o deporte o complemento perfecto. Haberá tempo para a convivencia, para a competición on line e fóra da rede e para a diversión. A Scul Party celebra 10 anos e faino coa súa edición máis diversa e completa.

A primeira hora do venres xa comezaron a chegar pouco a pouco os inscritos á edición deste ano. Viñan co necesario para pasar uns días de diversión e tecnoloxía entre amigos e persoas coas que comparten intereses: os seus ordenadores, refrescos e moitas chucharías. O día grande será o sábado, cando os organizadores contan con que estean participando practicamente todos os inscritos. Durante os tres días de celebración a Scul Party 2011 contará con torneos de Wii, do xogo League of Legends ou, por citar algúns exemplos, de Overclocking, que consiste en aumentar a velocidade do microprocesador ao límite pero sen danalo. Tamén haberá concursos como o de dobraxe, o de lanzamento de CDs, o da mellor fotografía da Scul Party ou de deportes como o ping-pong.

O esforzo de chegar

“Vai a ser a mellor Scul Party e un motivo de orgullo para a Universidade de Vigo e a cidade de Ourense”, destaca Silvia Carrera, representante da entidade organizadora, a Delegación de Alumnos da Escola Superior de Enxeñaría Informática. Por este motivo quixo agradecer a colaboración na súa organización da Vicerreitoría do Campus, da Escola Superior de Enxeñaría Informática, do Servizo de Deportes da Universidade de Vigo, da residencia universitaria e das empresas da cidade que colaboran na iniciativa, especialmente as empresa de antigos alumnos do centro.

Tanto María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, como Enrique Barreiro, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática, quixeron felicitar o xoves aos organizadores polo traballo e o esforzo realizado e desexarlles a todos, organizadores e participantes, unha proveitosa Scul Party 2011.