DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Manterán reunións periódicas para compartir intereses, proxectos e propostas

Firme compromiso de colaboración entre a Vicerreitoría do campus de Ourense e o Consello Social

As bolsas Ourense Exterior e o Campus da Auga ConVida centrarán os seus primeiros proxectos de coope

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Noemí Rey DUVI 27/01/2015
A primeira xuntanza entre directa entre a Vicerreitoría do campus de Ourense e o Consello Social da Universidade de Vigo rematou con dous acordos de colaboración e o firme compromiso de ambas institucións de seguir traballando man a man. O vicerreitor Virxilio Rodríguez reuniuse hoxe no campus durante case dúas horas co presidente e o secretario do Consello Social, Ernesto Pedrosa e Ignacio Rodríguez, para trasladarlles dun xeito directo os intereses, proxectos e propostas nas que se está a traballar coa idea de acadar unha maior colaboración entre ambas entidades. Unha cooperación á que o Consello Social amosouse totalmente disposto e que xa se traduciu no compromiso de manter xuntanzas periódicas de carácter informativo no campus ourensán.

Principio de colaboración

Nesta primeira reunión Consello Social e Vicerreitoría tiñan sobre a mesa dous temas importantes a tratar: as bolsas Ourense Exterior e o Campus da Auga ConVida. En canto ao primeiro tema, Ernesto Pedrosa comprometeuse a seguir apoiando economicamente estas becas de mobilidade para que persoas residentes no exterior poidan realizar os seus estudos superiores neste campus da Universidade de Vigo. Un apoio total que irá da man dun replantexamento das propias bolsas en parte dos seus contidos, como poden ser os criterios de selección ou a contía, xa que probablemente se reducirá o número de becas para poder mellorar a súa dotación económica. O seguinte paso será elaborar un borrador de convocatoria no que tamén colaborará de xeito activo a Deputación Provincial de Ourense, outro dos actores importantes nestas bolsas e coa que xa hai un principio de acordo para continuar apoiándoas.

Por outra banda, o vicerreitor do campus de Ourense informou tanto a Ernesto Pedrosa como a Ignacio Rodríguez do cambio de denominación ao que foi sometido o Campus da Auga ConVida por mandato do propio Consello de Campus. Virxilio Rodríguez transmitiulle a ambos ous dous o interese que ten este programa para a Universidade de Vigo, unha importancia recollida polo propio Pedrosa, para quen se trata dun proxecto válido que está funcionando ben e que, polo tanto, seguirá sendo apoiado polo Consello Social.

Ademais, o vicerreitor aproveitou a xuntanza para informar ao Consello Social doutros proxectos nos que está traballando o campus e que poden ser interesantes para futuras colaboracións, aínda que non sexan estritamente económicas. Un exemplo é a celebración este ano no campus ourensán da vixésimo novena edición dos Xogos Galaico-Durienses, unha competición deportiva universitaria que xunta anualmente a deportistas e membros da comunidade universitaria de seis universidades de Galicia e do norte de Portugal.