DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os participantes deben percorren os 120 quilómetros que separan Tui e Santiago en 36 horas

Fisioterapia presta as súas mans aos militares da Brilat

Realizan tamén diversas probas de dureza, habilidade e resistencia

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Iolanda Fernández DUVI 28/05/2013

A súa boa predisposición, profesionalidade e as ganas de continuar formándose incluso no seu tempo libre son algúns dos motivos que levan periodicamente a un grupo de estudantes da Facultade de Fisioterapia, a través da Unidade de Voluntarios deste centro, a prestar de xeito totalmente desinteresado os seus servizos en distintos eventos deportivos ou actividades de carácter similar que teñen lugar na provincia de Pontevedra. Dende este luns, e ata ben entrada a tarde do martes, 12 futuros fisioterapeutas agardan na meta de cada unha das etapas do concurso de patrullas que organiza a Brigada de Infantería Lixeira Aerotransportable (Brilat). Como cada ano, os participantes neste evento terán que percorrer os 120 quilómetros que separan a localidade de Tui e Santiago de Compostela nun período de tempo limitado que nesta ocasión non poderá ser superior ás 36 horas.

Ademais de realizaren este percorrido nun tempo límite os militares teñen que realizar un determinado número de probas propostas pola organización para cada unha das etapas. No primeiro tramo que unía Tui e Pontevedra os participantes percorreron, durante a tarde do luns, 52 quilómetros en 12 horas e realizaron probas de lanzamento de granadas, tiro de precisión, cruzar a nado o río Ulla ou facer rapel. Á súa chegada á base General Morillo, situada en San Andrés de Figueirido (Vilaboa), e despois de pasar un exhaustivo control médico, 25 dos máis de 130 participantes neste concurso optaron por poñerse mans dos catros alumnos e alumnas da Facultade de Fisioterapia para intentar mitigar as súas posibles lesións.

Xa ben entrada a madrugada outro grupo de catro voluntarios agardaban a chegada das 20 patrullas de militares á localidade coruñesa de Padrón, punto final da segunda etapa. Dende as 11.00 horas deste martes, no Monte do Gozo atópanse outros seis voluntarios e voluntarias que, acompañados como nas outras dúas ocasións por un coordinador de grupo (ex-alumnos e docentes), prestaranlles os seus servizos aos participantes no campionato unha vez rematen a última destas tres etapas que une Padrón coa capital de Galicia.

Torceduras e contracturas

Algunha que outra torcedura e moitas contracturas nas costas, pernas e brazos foron as lesións máis tratadas polo alumnado da Facultade de Fisioterapia. Nun percorrido destas características, no que tamén se inclúen diversas probas de resistencia física, dureza e habilidade é habitual que que ao remate de cada unha das etapas os participantes agradezan a presenza do alumnado do centro, explica o coordinador da Unidade de Voluntariado, José Manuel Pazos.

“Traballar nunha contorna pouco coñecida para nós, rodeados de compañeiros e compañeiras cos que compartimos ese interese por aprender e nuns horarios tan intensos, e á vez pouco habituais coma estes, é toda unha experiencia para nós. Definitivamente este é o mellor xeito de complementar a formación teórica que recibimos nas aulas”, asegura Pedro Barbolla, un dos integrantes da Unidade de Voluntarios da Facultade de Fisioterapia. Para o alumnado o agradecemento das persoas ás que lles prestan os seus servizos, neste caso os militares, é todo un aliciente para seguir participando en iniciativas coma esta, apunta este alumno de terceiro curso. Con todo, Barbolla xa ten colaborado noutras moitas carreiras ou campionatos sen importarlle renunciar ao seu tempo libre “ sacando horas e minutos de onde non as hai para preparar traballos e exames”. Mais, a acollida que reciben alá onde van xustifica todos estes esforzos, conclúe Barbolla.