DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizados polos CAF (Comités Abertos de Facultade) en Pontevedra

Folga xeral, manifestacións e pegada de carteis, para protestar contra a suba das taxas

O 29 de abril tamén se unirán á manifestación os estudantes de ensino medio

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Ana Terceiro DUVI 21/04/2008

Co obxectivo de parar a suba das taxas académicas e manter a súa posición en contra do proceso de adaptación a Boloña que consideran, “supón a destrución do servizo público de ensino superior e unha ameaza para Galicia, que ten un sistema educativo moi feble” os CAF, Comités Abertos de Facultade, poñen en marcha unha nova campaña reivindicativa nos tres campus da Universidade de Vigo. As reivindicación dos alumnos tomarán forma a través de manifestacións nos campus, de carteis pegados polas instalacións das escolas e facultades e de unha folga xeral de estudantes convocada para o vindeiro 29 de abril. Ademais, os organizadores esperan acadar o mesmo éxito que en ocasións pasadas e poder facer presión ante a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para así obter unha marxe máis ampla de negociación nos diferentes claustros respecto a todos os temas que afectan á situación actual dos universitarios.
Segundo comentaron os representantes do sindicato estudantil, a progresiva adaptación do sistema ao Espazo Europeo de Educación Superior explica moitos do problemas cos que os mozos se atopan hoxe en día, como é a suba continua do prezo das taxas académicas. “Todos os anos observamos como aumenta o que temos que pagar pola nosa matrícula, o último ano subiron un 5%, provocando deste xeito que non todo o mundo poida ter acceso a un servizo público de ensino”, subliñou Alberte Mera, responsable dos CAF en Pontevedra.

Folga xeral o día 29

O vindeiro 29 de abril a protesta farase extensiva a toda a comunidade universitaria coa folga xeral de estudantes que os CAF convocan nos tres campus. Mantendo os mesmos obxectivos que en ocasións anteriores, a intención destes alumnos é “parar a constante suba das taxas académicas e frear deste xeito o proceso de adaptación a Boloña que soamente suporá o fracaso do ensino galego”, explicou Alberte Mera, ao que engadiu que, “queremos facer unha chamada de atención a todos os compañeiros para que se sumen a esta iniciativa e que colaboren neste proxecto xa que é para o beneficio de todos”.
As actividades que están previstas para o día da folga centraranse nos campus de Ourense e no de Vigo, “xa que no de Pontevedra coincide co festexo de SantaKata’ 08, a celebración da patroa da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación”, explicou outro dos representantes dos CAF. Os horarios aínda están por definir pero en principio están previstas varias concentracións ao longo da mañá nas que “esperamos acadar o éxito da pasada folga”, apuntou Alberte Mera. Ademais, os representantes dos alumnos pontevedreses, explicaron que nesta ocasión a iniciativa converterase nunha protesta global de todos os estudantes, non só universitarios, xa que os CAE (Comités Abertos de Escola) tamén se unirán ás manifestacións o próximo 29 de abril.