Unhas xornadas analizan a relación existente entre a educación e o mundo laboral
A formación e o emprego, a debate nun foro de 300 estudantes e empresarios
A vicerreitora Carmen García Mateo falou dos cambios na Universidade co Plan Boloña
Afondar nas relacións existentes entre a educación e o mercado de traballo é o obxectivo fundamental das Xornadas de Formación para o Emprego que este venres comezaron o seu desenvolvemento no Centro Cultural Caixanova. No evento participan empresarios e representantes da Universidade –hai preto de 300 persoas inscritas- para debater sobre a necesidade de adaptar a formación e os plans de estudos ás demandas do mercado laboral. A primeira mesa redonda tratou sobre E despois da Universidade que? O Plan Boloña e o mercado laboral e na mesma participaron Carmen García Mateo, vicerreitora de Titulacións e Converxencia Europea da Universidade de Vigo; Juan José Molinos, secretario xeral da Confederación Empresarial de Ourense (CEO) e Francisco Martín, director da revista Línea e xerente da Unidade de Avaliación de Mercados.
O Plan Boloña, un “cambio estrutural” da universidade e da sociedade
Na súa intervención Carmen García Mateo fixo un percorrido dende os inicios do Plan Boloña ata a actualidade, con 46 países adheridos no camiño pola construción dese Espazo Europeo de Educación Superior (EEES). Definiu o proceso como “un cambio estrutural da universidade e da sociedade que abre a posibilidade de acadar o pleno emprego mediante unha evolución e un crecemento como cidadáns e como profesionais”. Falou tamén a poñente de empregabilidade afirmando que “na Universidade temos que capacitar aos nosos titulados para que teñan un emprego máis cualificado” cunha formación que, segundo dixo, “lles vai ensinar o básico e tamén como seguir aprendendo e desenvolvendo as súas capacidades e habilidades”.Compatibilidade entre os sistemas educativos dos distintos países
Un dos aspectos do Plan Boloña subliñados pola vicerreitora é o de conseguir que os sistemas educativos dos distintos países fosen compatibles e recoñecibles. Falou tamén da “promoción dunha dimensión europea da educación” a través da mobilidade de profesores e estudantes “a todos os niveis e en todas as direccións, para o cal se necesita un fondo coñecemento de idiomas”. García Mateo esbozou tres ideas para definir o EEES. Nas súas palabras, “unha única estrutura de títulos, unha mesma unidade de medida, o crédito ECTS, e un mesmo certificado de estudos, o Suplemento Europeo ao Título“. Referiuse tamén aos graos, onde o reto para as universidades está “en que se fagan en catro anos” e enumerou dúas metas nesta etapa de formación. Nas súas palabras, “que se considere no mundo laboral que a cualificación dos nosos graduados é a adecuada e a necesaria para o emprego e que sexan autónomos, capaces de determinar que é o que lles falta e buscar a maneira de conseguilo”.Polo que respeta aos posgraos, a vicerreitora definiunos como “unha formación avanzada e especializada onde as prácticas son obrigatorias”. Na actualidade a Universidade de Vigo está a rematar a primeira etapa de adaptación das titulacións ao EEES pasando de 58 a 39 graos, dos que 10 están no campus de Ourense. Polo que respeta aos posgraos, a institución conta na actualidade con 66, un número que García Mateo considera excesivo. “Son demasiados –explica-. Destes só sobrevivirán aqueles que sexan recoñecidos polos profesionais e pola sociedade en xeral”. A poñente rematou o relatorio lembrando que “Boloña non acaba no 2010, ao contrario, a construción do espazo europeo vai levar moito máis tempo”.