DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A oitava edición do festival desenvolverase do 12 ao 17 de decembro

A formación, as proxeccións e os encontros con profesionais combínanse no programa de Novos Cinemas

Na xornada de apertura, estrearanse dez curtas realizadas polo alumnado do campus

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Cultura
  • Estudantado
  • Cultura
DUVI Pontevedra 27/11/2023

Organizado pola Asociación Cultural Novos Cinemas e Matriuska Producións, coa participación do Concello de Pontevedra e a Universidade de Vigo e o apoio da Deputación e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), o Festival Internacional de Cine de Pontevedra Novos Cinemas desenvolverá entre o 12 e o 17 de decembro a súa oitava edición. Centrado nas primeiras e segundas películas de novos e novas cineastas, o seu programa abrangue unha selección de 39 obras, das cales dez serán estreas mundiais, oito estreas en España e nove en Galicia. Ao mesmo tempo, as proxeccións veranse complementadas por un programa formativo, no que se insire o obradoiro no que dez estudantes do campus realizaron unha serie de curtametraxes, que se estrearán na primeira xornada do festival, xunto cunha serie de encontros con profesionais do sector.

A programación da edición 08 de Novos Cinemas presentouse este luns na Casa das Campás, nun acto no que o director de área adxunto á Vicerreitoría do campus, Luis Torres, lembrou que Novos Cinemas é un festival “que encaixa perfectamente no espírito da Universidade”, dada a súa aposta pola formación e polos directores e directoras noveis, ao centrar as súas seccións competitivas das primeiras e segundas longametraxes dos novos cineastas. Ao mesmo tempo, Torres lembrou o peso que outorga “ao aspecto docente” e a súa conexión co proxecto de especialización Campus Crea. Esa vertente formativa foi igualmente destacada polo director da Agadic, Jacobo Sutil, nunha rolda de prensa na que tamén participaron o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, e o deputado provincial de Reto Demográfico, Xuventude e Desenvolvemento Rural, Jorge Cubela.

Filmes seleccionados de entre preto de 200 candidaturas

O director artístico do festival, Suso Novás, foi o encargado de debullar unha programación conformada, por unha banda, pola sección oficial, na que se presentarán nove filmes procedentes de Francia, Estados Unidos, Ruanda, Arxentina, Xapón e Suecia; e pola sección Latexos, integrada por catro filmes. Como explicou Novás, as películas foron seleccionadas de entre preto de 200 candidaturas, procedentes de máis de 60 países. Os proxectos optarán novamente tanto aos premios que outorgan o xurado profesional e o da crítica, como o que concede o xurado novo, integrado por alumnas e alumnas do campus.

Por outra banda, o festival dedicará a súa sección Foco á cineasta alemá Katrin Rothe, mentres que as sesións de apertura e clausura estarán dedicadas a dous filmes que previamente pasaron polo LAB de Novos Cinemas, un espazo dirixido a promover o desenvolvemento dos proxectos de cineastas noveis. Neste 2023, este espazo correrá a cargo de Isona Admetlla, coordinadora do fondo para a cinematografía da Berlinale-World Cinema Fund, como explicou Novás ,que lembrou que dous dos piares de Novos Cinemas son “a formación e a promoción sectorial”.

No primeirp insírense iniciativas como A xogos coa realidade, o taller no que dez estudantes das facultades de Comunicación e Belas Artes desenvolveron, co cineasta e artista Berio Molina como titor, unha serie de curtametraxes que poderán verse no día 12 no Teatro Principal. Así mesmo, tamén está previsto un taller sobre montaxe e actividades para a mocidade. Por outra banda, na programación do festival insírense tamén unha serie de encontros, nos que participarán, entre outros, Katrin Rothe, o docente da Escola Superior Artística do Porto Tiago Vieira, a produtora e profesora da Facultade de Comunicación Beli Martínez e a produtora e distribuidora brasileira Silvia Cruz, así como o realizador Bruno Arias, que falará do filme que centra na figura da súa tía, a escritora Xela Arias.