DUVI

Diario da Universidade de Vigo

130 matriculados no campus participan neste foro centrado na mobilidade para estudar e traballar en

O Forumemprego analiza os portais da rede Universia e as oportunidades laborais dos fondos europeos

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Esmeralda L. Castro DUVI 24/02/2010

“Rede de universidades, rede de oportunidades”, ese é o lema de Universia, que entre outras finalidades, pretende fomentar a mobilidade para a formación e a busca do primeiro emprego entre os universitarios españois. Unha das súas responsables do departamento de emprego, Manuela Iniesta Añover, explicoulles hoxe aos estudantes pontevedreses as posibilidades que ofrecen para buscar prácticas internacionais e o e traballo a través dos seus portais web, no marco do Forumemprego 2010. O campus acolleu hoxe a segunda xornada deste foro organizado pola Vicerreitoría de Relacións Institucionais e promovido polo Eures Transfronteirizo Galicia norte de Portugal, coa colaboración da Universidade do Minho. O seu obxectivo é formar a estudantes e ex alumnos xa titulados sobre distintos aspectos de cara á súa integración laboral no ámbito europeo. Neste sentido interveu tamén María Teresa Deus Trasobares, directora do Centro de Emprego do Concello de Ferrol, que falou dos programas europeos de cooperación territorial como oportunidades de emprego.
O elevado número de matriculados nestas xornadas, coordinadas por Emilia Seoane Pérez, conselleira Eures da Universidade, son un reflexo da demanda crecente de formación específica para a inserción laboral no ámbito universitario. No campus pontevedrés dous días despois de abrirse o prazo xa se esgotaran as 130 prazas dispoñibles. Dos matriculados 122 son aínda estudantes e 8 ex alumnos xa titulados.

Portais para a busca de bolsas ou o primeiro emprego

Na sesión vespertina do Forumemprego Manuela Iniesta explicoulles aos asistentes o funcionamento do departamento de emprego de Universia. Centrou a súa charla nos diferentes portais de Internet que teñen a disposición dos usuarios para buscar prácticas nos ámbitos estatal e internacional e para buscar o primeiro emprego. Estes son Universia Emplea, Feria Virtual e Práctica Erasmus. “Universia Emplea é un dos principais portais de referencia entre os universitarios para buscar prácticas, pois cada día aparecen nel 30 bolsas novas”, sinalou ao tempo que destacou que isto supón un incremento do 79% con respecto ao ano pasado. Salientou ademais que é un recurso web gratuíto, no que as empresas se poden dar de alta sen ningún custe.
Feria Virtual é un portal interactivo, que se presenta como un videoxogo no que o usuario pode mergullarse polos stands das empresas. “É unha forma divertida de buscar traballo, contén moita información das empresas e, como é interactivo, tamén lles axuda a estas a coñecer mellor o perfil dos usuarios para ver se encaixan nos postos que ofertan”, precisou Iniesta.
No caso do Práctica Erasmus, a técnica de emprego explicou que naceu a raíz do consorcio creado con vinte universidades para fomentar a mobilidade dos estudantes, que se ampliará este ano con novos membros, entre os que esperan que se atope a Universidade de Vigo. Lembrou tamén que recentemente comezaron a traballar coa rede trabajando.com, que é líder no seu eido en Latinoamérica.
Así mesmo, citou os tres proxectos de xestión de bolsas que teñen subscritos con Respsol, Vodafone e Banco Santander, a través dos que colocan anualmente ao redor de 1.700 bolseiros en toda España. “Abranguen moitas titulacións e en moitos casos hai posibilidades de incorporación posterior á plantilla”, sinalou ao respecto.
Por último, falou de programas específicos para fomentar o primeiro emprego, como o Junior Talent de Vodafone, “dirixido a titulados sen experiencia, pero con talento”, que propón continuar a formación coa incorporación directa no cadro de persoal; ou o Programa ISE de Repsol, que é un mestrado de formación con posibilidadade de contratación posterior.

Os programas europeos como oportunidade de emprego

Na súa intervención, María Teresa Deus, directora do Centro de Emprego do Concello de Ferrol, quixo poñer de manifesto a importante oportunidade de emprego que supoñen os programas europeos de cooperación territorial. “Por unha banda –sinalou –, xeran postos de traballo nas institucións públicas que os xestionan porque precisan persoal para facelo”. Pola outra, no caso das empresas privadas, créanse postos de traballo tanto tras a adxudicación de proxectos, que requiren técnicos para o seu desenvolvemento, como previamente, pois precisan consultores e asesores que coñezan que tipo de fondos existen e como preparar as presentacións ás convocatorias. Ademais, pola súa propia experiencia no Concello de Ferrol, considera que non se presenta moita xente ás convocatorias de selección de persoal para programas europeos “porque non hai moita xente con coñecementos de xestión de fondos e con dominio de varios idiomas”. Por este motivo animou aos estudantes a formarse neste camiño.
Falou en particular dos fondos estruturais europeos, como os Feder, os Ifop e o Fondo Social Europeo, que financian programas de desenvolvemento e acción interrexional. Neste sentido citou a nova convocatoria do Programa de Cooperación Territorial do Espazo Sudoeste Europeo, denominado Interreg IVC Sudoe, con prazo para a presentación de proxectos ata o 24 de abril e que ten dúas liñas de traballo centradas na innovación tecnolóxica e no medioambiente.

Do programa Erasmus ao portal Eures

O foro deu comezo no salón de graos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación ás nove da mañá coa intervención do vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area, quen falou dunha nova vertente do programa Erasmus, centrada nas prácticas laborais. Posta en marcha hai tres anos, ten a finalidade de que o alumnado, ademais de completar a súa formación académica no estranxeiro, poida realizar prácticas en empresas europeas.
Ao longo do día pasaron polo campus pontevedrés outros profesionais que lle achegaron aos estudantes información especializada par unha busca activa de emprego no contexto europeo. A conselleira Eures da Universidade e Teresa González Ventín, coordinadora do Eures Transfronteirizo Galicia norte de Portugal, informaron aos estudantes da mobilidade profesional e laboral a través do servizo europeo público de emprego e do propio Eures a través do seu portal . Así mesmo, ensináronlle aos asistentes como elaborar o currículo Europass.
Pola súa parte, Reyes Fernández González e Mertxe Inza Valiente, técnicas da OFOE, explicaron o funcionamento dos servizos de orientación laboral e xestión de emprego da Universidade de Vigo. Pechou as sesións Andrés Olivera García, director de Recursos Humanos do Grupo Modelo Europa, que tratou os simuladores de negocio como un paso previo ao primeiro traballo.
O Forumemprego trasládase mañá ao campus de Ourense, onde se desenvolverá a súa última xornada.