DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O investigador Enrique Lista analiza na súa tese a introdución desta disciplina na arte contemporáne

Fotografía e arte non uniron os seus camiños en Galicia ata as últimas décadas do século XX

No estudo, afonda na convivencia entre a fotografía de autor e a integración do medio nun modelo mul

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI 21/06/2016

Aínda que no contexto internacional, “a fotografía introdúcese definitivamente na arte” a partires da década de 1960 da man dos artistas do pop art ou das neovangardas, en Galicia a incorporación da fotografía á arte contemporánea prodúcese “de xeito máis tardío e con particularidades que non poden ser explicadas unicamente pola situación periférica da nosa comunidade”, segundo sostén Enrique Lista, quen centrou a súa tese de doutoramento no momento no que fotografía e arte unen os seus camiños en Galicia. “Ata case rematado o século XX”, explica este investigador, a comunidade sufriu dunha “desconexión cos tempos e tendencias da arte contemporánea internacional”, acentuada pola “grande escaseza de infraestruturas”. Será precisamente o “paulatino asentamento” destas, sinala, o “factor decisivo para a entrada da fotografía no recente e cambiante sistema da arte en Galicia” a partires da década de 1990.

Ata entón vinculada a “espazos sociais que non eran os das artes plásticas” e a funcións “distintas á puramente estética”, como serían as documentais, a fotografía comezou a dotarse dun “espazo específico” na década de 1980, “pero separado do campo da arte”, que podería denominarse como ‘fotografía de autor’, segundo recolle Lista na súa tese Introdución da fotografía na arte galega (dende 1980), que realizou baixo a dirección do profesor da Facultade de Belas Artes Manuel Sendón. Mais non será, explica, ata mediados da década de 1990 cando esta, hoxe xa “consolidada como medio artístico”, comece a introducirse “nos circuítos das artes plásticas en Galicia”.

Novos espazos e un novo paradigma

O intervalo que abrangue dos anos 80 á primeira década deste século, co eixo no “cambio de paradigma situado en torno á metade da década de 1990", conforman o marco temporal da investigación realizada por Lista, que alude na súa tese á “situación periférica de Galicia, á tardía internacionalización e profesionalización dos artistas galegos e doutros axentes da arte contemporánea na nosa comunidade ou á escaseza de infraestruturas, pero tamén, e sobre todo, os modelos aos que estas respondían” como factores decisivos para que, décadas despois que noutras partes do mundo, a historia da fotografía galega continuase discorrendo “por un camiño paralelo ao das artes plásticas”.

Da fotografía de autor á arte multidisciplinar

Co propósito de afondar tanto neste “complexo proceso de introdución” como na “situación das diversas prácticas fotográficas acollidas dentro deste sistema”, Lista propón na súa tese un modelo apoiado en dous paradigmas, vinculados con dúas formas “de entender a fotografía e as súas relacións coa arte”, a denominada fotografía de autor e o uso deste medio por parte dos e das artistas.

En primeiro termo, Lista vincula a fotografía de autor a un “paradigma de corte modernista onde a especifidade do medio fotográfico, coa súa linguaxe propia, e a autoría do fotógrafo que a través desta se expresa serán máis importantes que a relación coas artes plásticas”. Trátase, sinala, dun “pequeno campo autónomo”, no que “os fotógrafos reivindícanse antes como autores que como artistas” e que comeza a desenvolverse en Galicia a partires da década de 1980, da man nomes como Manuel Vilariño, Vari Caramés, Xurxo Lobato ou o propio Manuel Sendón e de iniciativas como a Fotobienal de Vigo ou Outono Fotográfico de Ourense.

Xa a partires da década de 1990 comezará a desenvolverse en Galicia o segundo paradigma apuntado por Lista, o dos artistas e as artistas que empregan esta disciplina dentro dunha concepción da arte “como unha práctica multidisciplinar, na que a fotografía sería xa un medio totalmente válido”. Jorge Barbi, Xoán Anleo ou Mar Caldas serían algúns dos precursores dun modelo xa incorporado por representantes das novas xeracións, como Salvador Cidrás, Rubén Ramos Balsa, Victoria Diehl ou Fran Herbello, que “asumen desde o principio a fotografía como unha ferramenta lexítima”. Neste senso, o investigador salienta que “este modelo multidisciplinar será o que se consolide coas institucións de arte contemporánea que se foron asentando na nosa comunidade”, como o CGAC ou a propia Facultade de Belas Artes, “producíndose arredor da metade dos anos 90 un certo relevo ou cambio de modelo” que, non obstante, non implica a extinción do primeiro paradigma, “mesmo reactivado nos últimos anos”, senón a convivencia entre prácticas.

“A posición da fotografía dentro da arte contemporánea galega diseminarase daquela nunha rede de institucións e axentes con diferentes xeitos de entender e relacionarse con este medio”, conclúe Lista, que buscou trazar na súa tese un mapa deste “espazo de dispersión”, para o que incluíu no seu proxecto as entrevistas realizadas a 63 axentes "vinculados en diversos modos ao ámbito da investigación”, xunto cunha serie de documentación e de materiais inéditos “que deixan abertos debates sobre a situación das prácticas fotográficas dentro do campo da arte na nosa comunidade”.