DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A entidade quere así manter vivo o legado do finado director da Casa da Xuventude de Ourense

A Fundación Benito Losada dará continuidade ao Outono Fotográfico e ás Xornadas de Banda Deseñada

Concello, Deputación e campus apoian estas iniciativas culturais

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 30/05/2012

Durante case trinta anos ao fronte da Casa da Xuventude de Ourense, o finado Benito Losada puxo en marcha moitas das citas de referencia cultural da cidade. Entre elas están o Outono Fotográfico e as Xornadas de Banda Deseñada de Ourense. Tralo seu pasamento púxose en marcha a creación dunha fundación co seu nome co obxectivo de dar continuidade ao seu legado cultural e asociativo. A piques de rematar os trámites para a súa consitución, os seus promotores veñen xa de presentar o que serán as súas primeiras accións: preparar as novas edicións do Outono Fotográfico e das Xornadas de Banda Deseñada.

O proxecto de Fundación Benito Losada e a súa programación de arranque foron presentados este mércores por María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Marta Arribas, concelleira de Medio Ambiente e Xuventude de Ourense; Xosé Lois Vázquez, promotor do proxecto, e Víctor Neves, coordinador do Outono Fotográfico. Durante a súa intervención María Lameiras salientou a importancia desta iniciativa “froito da sinerxía de persoas e institucións para seguir co testemuño de Benito Losada, unha persoa que tivo un papel moi destacado no desenvolvemento da nosa cultura e da cultura en Ourense”. Unha valoración compartida por Marta Arribas, que apuntou que “isto que se está xerando vai permitir continuar co gran traballo de 30 anos de Benito, do legado con maiúsculas que nos deixou”.

Dúas citas de referencia

Segundo explicou Xosé Lois Vázquez, o proxecto de fundación está moi avanzado e na súa última reunión os seus promotores decidiron dar luz verde á celebración este ano dunha nova edición do Outono Fotográfico e das Xornadas de Banda Deseñada de Ourense. Sobre estas últimas, Vázquez avanzou que nesta edición estarán dedicadas ás sete novelas gráficas publicadas o ano pasado en Galicia. Ademais de afondar neste fenómeno editorial, as xornadas contarán cunha exposición, un ciclo de cine sobre, un premio á mellor iniciativa neste eido e recuperarán o concurso para autores noveles.

Polo que respecta ao Outono Fotográfico, Víctor Neves explicou que nesta edición “vai cumprir 30 anos e chega a eles con moi boa saúde” pois o ano pasado contou coa participación de 500 fotógrafos e 90 espazos de exposición. Nesta ocasión, apuntou, o Outono Fotográfico terá dúas seccións, unha aberta a propostas fotográficas de todo tipo e outra oficial que intentará ampliar a súa diversidade de temáticas e de cobertura xeográfica. Tamén haberá tempo para a formación, cun curso especializado para profesionais, e para a apertura a outras disciplinas.

Con esta actividades arrancará o que será a futura Fundación Benito Losada, “un proxecto de ourensáns e de activistas culturais”, tal e como salientou Xosé Lois Vázquez durante a presentación. Vázquez convidou ás persoas e entidades interesadas a unirse a esta iniciativa e anunciou que a vindeira semana comezará a recollida de doazóns para recadar o diñeiro necesario para a constitución final da entidade e o comezo formal da súa actividade.