DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A mostra é o resultado dunha investigación de Belas Artes financiada pola cátedra Filgueira Valverde

A Fundación Laxeiro expón a psicoxeografía do campus de Pontevedra

O proceso creativo parte da exploración e observación do espazo da Xunqueira

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Esmeralda L. Castro DUVI 09/07/2010

A Fundación Laxeiro expón ata o 26 de setembro a mostra Os pasos perdidos, unha colectiva que é resultado dun proxecto de exploración e observación dos intersticios do campus de Pontevedra, ao modo da psicoxeografía impulsada polo movemento situacionista nos anos 50-60. A proposta xorde como resultado dun proxecto de investigación promovido polo profesor e artista Ignacio Pérez-Jofre, que é tamén o comisario da exposición. Foi financiada pola Cátedra Filgueira Valverde e nela participan membros do Grupo de Investigación Según PE-1, dirixido polo catedrático de Escultura Juan Fernando de Laiglesia.

Dáselle así continuidade a un convenio de colaboración da Universidade coa Fundación Laxeiro, que comezou coa exposición Facer e deixar de facer e que pretende visibilizar o traballo artístico do alumnado que participa en diferentes proxectos de investigación, permitíndolles pasar da teoría á práctica e coñecer de primeira man o proceso de montaxe dunha exposición.

Diversas maneiras de recrear os espazos universitarios

Da experiencia de percorrer o campus abrollaron así diversas maneiras de interpretar e recrear os espazos universitarios e os seus efectos psicolóxicos sobre as persoas que os usan. Malia a variedade formal e temática das obras, todas teñen un punto en común, un ton melancólico, de ausencia e de desorientación.

O patio da Facultade de Belas Artes, onde está o edificio de Esdemga, centrou o traballo de Ronda Bautista. “Debería ser un espazo de encontro para socializar con outros compañeiros, descansar ou divertirse pero non semella ter esa atmosfera”, comenta a artista no texto introdutorio da mostra. “Converteuse máis ben nun lugar de paso, existe nel un baleiro, tempos detidos, signos do inacabado… resulta frío e melancólico”, engade. Lamenta que a escola de moda anegue o único espazo aberto da facultade, “como se un guindastre o depositara alí xa prefabricado”, e recolle esas sensación en dous cadros con dúas vistas do patio.

A Facultade de Belas Artes centrou tamén a atención de Ignacio Pérez-Jofre. No seu caso debuxa do natural as táboas, listóns, bastidores e demais material acumulado nos corredores, sorprendido ao ver como estes se converten en almacéns improvisados, rompendo os esquemas ideais da orde.

Os camiños dos usuarios do campus

Patricia Duarte debuxa nas súas pezas Camiños da cidade e Camiños da Universidade as rutas máis habituais que realizan os transeúntes do campus. Tece así unha malla que, ao seu ver, “lembra a un sistema circulatorio no que as veas principais destacan sobre as pequenas terminacións”.

Nas zonas verdes urbanizadas obsérvase un fenómeno curioso, a apariencia de que non foran deseñadas polo paisaxista, senón xeradas de xeito natural polo transcorrer diario da xente, que busca atallos. O traballo de Juan Loeck foi documentar graficamente estes camiños e fíxoo en tres tempos -hai un anos, hai uns meses e hai uns días-, para analizar a súa evolución.

Acuarelas e series fotográficas

As acuarelas de Miguel Cuba reflexionan sobre como unha actividade ociosa, a de faltar a clase, pode converterse en algo tedioso, que só se fai por rutina. Á par dos debuxos escribiu os seus propios sentimentos, estados de ánimo e sensacións en varias xornadas nas que se obrigou a si mesmo a non ir ás aulas.

A mostra complétase con dúas series fotográficas. Na súa Elena Fernández Prada recolle a sensación que viviu ao deambular polo campus a mediodía, cando comeza a baleirarse e a través das ventás da facultade só se observa lentitude. A de Begoña Ante rexistra os espazos comúns dos centros saturados de mensaxes escritas, lugares recorrentes para colocar anuncios e a propia sinaléctica dos edificios. Logo elimina toda referencia textual nesas imaxes, de xeito que eses lugares tan familiares ofrecen unha visión estraña.