DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O catedrático Carlos Lago centra o seu novo libro na preparación física neste deporte

O fútbol en 2030 será “máis rápido e máis intenso” e podería incorporar pausas

Dun xeito divulgativo, o volume presenta os resultados de diferentes investigacións

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Investigación
  • Publicacións
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 31/10/2023

Como será o fútbol en 2030? Esta é unha das preguntas ás que o catedrático da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Carlos Lago trata de dar resposta no seu libro Cuando metes gol, eres grande, cuando no... eres gordo, no que reúne un conxunto de orientacións sobre a preparación física dos futbolistas de elite, baseadas nos resultados de diferentes investigacións. Lago afonda neste libro en cuestións como a evolución que viviu este deporte nos últimos anos, nos que, se ben non aumentou a distancia que percorren os xogadores ao longo do partido, si o fixo o número de accións que estes realizan a “moi alta intensidade”. De aí que na súa análise respecto do futuro do fútbol apunte que este será cada vez “un xogo máis rápido, máis intenso e máis atractivo para o espectador”, no que os futbolistas terán que “facer moitas veces esforzos breves a moi alta intensidade”, o que á súa vez “podería levar a que haxa que introducir” cambios como a incorporación de pausas ou tempos mortos nos partidos.

A evolución do rendemento físico e táctico no fútbol profesional, as estratexias de recuperación de xogadores, a prevención de lesións ou a adaptación da carga de traballo ás necesidades de cada deportista e ás esixencias da semana de competición son algúns dos aspectos nos que Lago Peñas afonda nunha publicación que toma o seu título dunha frase do exfutbolista Ronaldo Nazário. “O libro pretende trasladar ao público non especializado as últimas investigacións que hai sobre preparación física no fútbol”, salienta dun volume que parte dunha serie de estudos dos que é coautor, co obxectivo de achegar un conxunto de “recomendacións baseadas na evidencia científica” a profesionais, con “amplos coñecementos” deste deporte, aos que as esixencias do calendario obrigan a “saber que estímulos teñen que dar a cada xogador en cada momento".

Os futbolistas de primeira non corren máis que os de segunda

Varios dos 16 capítulos deste libro buscan dar resposta a preguntas como se os futbolistas corren menos na segunda parte dos partidos, algo que, subliña Lago, “non é certo”, xa que “hai unha variable clave que non se tivera en conta, o tempo efectivo xogado”, que diminúe na segunda parte, na que se produce un maior número de interrupcións. Outros estudos mostran que os xogadores percorren maiores distancias sobre o céspede cando van perdendo, “sobre todo cando se achega o final do partido”; ou que para que un equipo corra menos que o rival, deberá ter a posesión do balón en máis do 60% do tempo total do partido; así como que non existen diferencias “entre o que corren os xogadores de primeira división e os de segunda”, nin na distancia que percorren os futbolistas actuais e os de hai unha década. 

Nese senso, as variacións rexistradas por este deporte nos últimos anos non se atopan “nos quilómetros acumulados”, destaca Lago, senón no aumento do “número de accións a alta intensidade”, o que fai deste un deporte “máis explosivo, no que a clave está en xogadores moi rápidos en distancias curtas”. De aí que na análise que realiza sobre como será o fútbol en 2030, incida en que “esa intensidade é difícil de manter durante moito tempo”, o que podería levar a que se poñan sobre a mesa cambios nos xogo, de tal xeito que, ao igual que recentemente se aumentou a cinco o número de substitucións, no futuro poida tenderse a cambios “ilimitados” ou á incorporación de pausas nos partidos.

Que o futbolista estea “dispoñible”, non ao máximo nivel

Varios dos capítulos do libro detéñense en aspectos relativos á preparación física no fútbol de elite e en como esta se ve marcada pola “gran cantidade de partidos” disputados ao longo da tempada. Isto provoca, explica Lago, que o obxectivo dos preparadores físicos xa non sexa “que os xogadores estean ao seu máximo nivel”, posto que con frecuencia entre un encontro e outro “só hai tres días de recuperación”, senón que “estean dispoñibles para competir”, que manteñan un estado de forma “que lles permita competir con garantías” e de que moitos dos "estímulos" do adestramento estean dirixidos á recuperación e a reducir o risco de lesións. Isto, engade, “cambia o paradigma da preparación física no fútbol”, no que estes profesionais deben ser quen de “saber que necesita cada xogador” en cada momento da tempada. “Cada vez máis, nun equipo de fútbol de 25 xogadores hai 25 plans de adestramento”, conclúe.