DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Unidade de Igualdade organiza a terceira edición dun certame para novos valores en feminino

As futuras artistas ábrense camiño nunha profesión masculinizada

As 26 fotografías seleccionadas serán expostas ao público no mes de setembro

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Iolanda Fernández DUVI 07/05/2013

Para as mulleres, acadar un oco máis ou menos diferenciado no mundo da arte segue a ser un reto aínda por cumprir. Para contribuir a acadar este obxetivo, a Unidade de Igualdade da Universidade organiza a terceira edición do Proxecto de visibilización das obras artísticas das alumnas da Facultade de Belas Artes e de Ciencias Sociais e da Comunicación. A iniciativa, comisariada por Mar Caldas e Almudena Fernández Fariña, persegue a difusión e promoción dos traballos destas artistas en distintos circuítos e exposicións. O prazo para participar neste proxecto estará aberto ata o vindeiro mércores 15 de xuño.

“O alumnado da Facultade de Bellas Artes é maioritariamente feminino”, asegura Fernández Fariña. O 70% das matrículas corresponden a mulleres e no eido profesional, as artistas non representan máis do 15% do total de profesionais que traballan neste campo. “Axudar á visibilización das súas obras no eido universitario e fóra del é unha das prioridades desta iniciativa”, comenta a profesora. “Sendo muller resulta máis difícil comezar nesta profesión e acadar un certo recoñecemento co paso do tempo”, conclúe. É por iso que o proxecto tenta que tamén as alumnas da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación se involucren de cheo e participen activamente coas súas pezas.

Na segunda edición do proxecto Artistas repartíronse máis de 36.000 unidades entre os campus de Vigo, Ourense e Pontevedra das 26 imaxes gañadoras en formato de postal. Como novidade, este ano as obras tamén estarán dispoñibles no Museo MARCO de Vigo e no Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC) en Santiago de Compostela “coa intención de chegar a un público máis amplo”, asegura Mar Caldas. A maiores, os orixinais das imaxes gañadoras serán expostos, no mes de setembro, nun dos tres campus da Universidade e elaborarase unha publicación, a modo de catálogo, que será remitida, na súa versión en castelán e inglés, aos centros de arte de toda España e Portugal.

Requisitos formais

Poderán participar nesta iniciativa todas aquelas alumnas da Universidade de Vigo que estean matriculadas no 4º curso dos graos en Belas Artes, Publicidade e Relacións Públicas e Comunicación Audiovisual. Tamén as alumnas dos mestrados en Arte contemporánea. Investigación e creación ou o máster en Libro ilustrado e animación audiovisual , Dirección de arte en publicidade e en Creación, desenvolvemento e comercialización de contidos audiovisuais. Cada participante poderá presentar ata un máximo de catro fotografías das súas obras nun CD ou DVD. Xunto ás imaxes en formato dixital achegarase un documento no que figuren os datos persoais da autora. Ambos serán remitidos, por correo ordinario á Facultade de Belas Artes. Tamén se poden depositar persoalmente nos casilleiros da conserxería do centro.