DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita, organizada por e para estudantes, terá lugar entre o 21 e o 24 de marzo

Futuros enxeñeiros apuran en Vigo os últimos detalles do XI Foro Tecnolóxico de Emprego

A falta dunhas semanas a organización xa ten confirmada a presenza de 15 empresas

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Anabel Vila DUVI 01/03/2011
Un ano máis un grupo de alumnos e alumnas de enxeñería está a traballar para organizar o XI Foro Tecnolóxico de Emprego que terá lugar entre o 21 e o 24 de marzo. Algo máis de 20 persoas, estudantes dos últimos cursos de Telecomunicación, Industriais e Minas buscan ocos nas súas axendas para sacar adiante esta iniciativa, unha das citas obrigadas no calendario dos futuros enxeñeiros e enxeñeiras. Durante catro días a ETSE de Minas acollerá, un ano máis, os postos das numerosas empresas que acoden ao foro coa intención de presentar o seu traballo, as súas ofertas, e recoller currículos.

Iso leva detrás un arduo traballo que recae no estudantado, coordinado esta vez dende a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. Unha das súas alumnas, Alicia Pérez exerce a coordinación xeral dun grupo no que están representadas as outras dúas enxeñerías que se imparten no campus vigués.

“Somos xente que está implicada en moitas cousas, hainos que forman parte das delegacións de alumnos... Movémonos moito e por iso estamos nisto”, asegura Rubén Pérez, un dos coordinadores, que recoñece ademais o interese persoal, xa que “estas cousas tamén se valoran no currículo”. Non obstante, na súa motivación ten especial relevancia o feito de “traer algo bo para os alumnos, que nós tamén o somos”, sentencia. O certo e que tiran de experiencia para sacalo adiante. Moitos dos membros da coordinación repiten e a súa bagaxe permítelles saber que “hai que repartir ben o traballo, e facelo con moita antelación. Estamos chamando ás empresas dende o mes de decembro, pero aínda así as últimas semanas son complicadas”. Ata entón “hai que compaxinar a organización cos estudos”, recalca Pérez. Pero non están sos. Posto que está feito por e para estudantes, contan con voluntarios que axudan nos días centrais, “e validan a súa participación por créditos de libre elección”, que tamén se conceden por asistir “a algunhas das charlas e conferencias” que levan a cabo as empresas.

Xornadas cheas de actividades

A falta dunhas semanas para a inauguración oficial do foro xa contan coa participación asegurada de 15 empresas, entre as que destacan Accenture, R, Tecnocom ou Alcoa. Hainas que repiten, como é o caso de Altran, pero outras, como Quantum achéganse por primeira vez a esta cita que abrirá os seus stands ao día seguinte da inauguración, é dicir, entre o 22 e o 24 deste mes de marzo . O que si que teñen claro son as actividades, que se repiten ano tras ano. Ademais da elaboración dunha revista, con portada deseñada nesta edición por José Luis López, estudante de enxeñería, volve destacar a oferta de presentacións, conferencias, mesas redondas e workshops que se celebrarán nas distintas escolas dende o luns 21. O que faltará esta vez é unha das citas clásicas, o coffee break, xa que a organización decidiu que na súa edición número 11 non haxa. Non obstante, os estudantes contarán con numerosas oportunidades de facer chegar os seus currículos ás empresas, que é o principal obxectivo do foro.