DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O alumnado acudiu a este servizo buscando apoio académico, persoal e profesional

O Gabinete Psicopedagóxico atendeu este curso a 365 estudantes

176 persoas asistiron tamén aos seus cursos de formación

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 03/07/2013

Ao longo do ano o alumnado universitario vive momentos de estrés e ansiedade cos exames, contempla dúbidas sobre como enfocar o seu futuro profesional ou simplemente un traballo de clase, ten problemas persoais que interfiren no seu rendemento académico e un longo etcétera de cuestións para as que precisa a axuda do Gabinete Psicopedagóxico do campus. No curso 2012/2013, este servizo atendeu 365 consultas de estudantes que se dirixiron en persoa, por teléfono, por correo electrónico ou polas redes sociais a esta oficina buscando orientación e asesoramento personalizado. “O noso obxectivo último é axudar á comunidade universitaria a ser cada día un pouco máis feliz”, destaca Isabel Ferreiro, psicopedagoga do gabinete xunto a Conchi Cochón.

Entre os servizos do gabinete, explican as súas responsables, están brindar apoio profesional ao alumnado para a solución de problemas persoais, sociais e académicos, fortalecendo a autonomía do estudantado, a súa autoestima, a súa capacidade de comunicación, a súa autoaprendizaxe e os valores fundamentais que lle poden proporcionar equilibrio persoal e mellorar a súa calidade de vida. “Atendemos as dúbidas de carácter didáctico e de situación escolar dos universitarios, apoiándoos por exemplo na toma de decisións cando teñen dúbidas sobre que materias escoller. Tamén os asesoramos en temas vocacionais, dámoslles información académica e ofrecémoslles apoio en problemas persoais, familiares e psicolóxicos que lles impiden desenvolver axeitadamente os seus estudos”, apunta Conchi Cochón.

Un éxito de participación

Ademais desta formación personalizada, ao longo do curso o gabinete realizou nove curso de formación nos que, en grupos de arredor de vinte persoas, se afondou en temas como o coaching, o coaching educativo, o control do estrés, as habilidades comunicativas, a lectura rápida e a intelixencia emocional. Ademais, profesionais de prestixio acudiron ao campus, que conta coas certificacións de calidade formativa ISO 9001 e ISO 4001, para ofrecer charlas de motivación. En total, estes cursos contaron coa asistencia de 176 persoas, existindo habitualmente lista de agarda. “Estas actividades son sempre un éxito. Nas enquisas de calidade que facemos despois da súa celebración sempre nos cualifican cunha nota moi alta, destacando os participantes como aspectos a mellorar o desexo de que os cursos duren máis tempo”, subliña Isabel Ferreiro.

Segundo comentan as psicopedagogas do campus, as persoas que se achegan en horario de mañá ou tarde ao seu gabinete acoden con moitas ganas de solucionar un problema. “Veñen a nós porque recibiron información dos nosos servizos ou sobre todo porque alguén llo recomendou. É moi habitual que persoas que participan nun dos nosos cursos logo se acheguen a nós para solucionar de xeito personalizado algunha cuestións que lles preocupa ou que lle recomenden o noso gabinete a outros compañeiros e compañeiras”, comenta Conchi Cochón. Este boca a boca, explica, tamén fixo que recibiran moitas consultas de persoas e institucións alleas á comunidade universitaria que desexarían acceder aos servizos e actividades do gabinete. Entre elas están os orientadores de centros educativos que lles piden asesoramento e apoio para os escolares con necesidades especiais que o vindeiro curso entrarán a estudar no campus de Ourense.

O verán, para descansar

Este martes, 2 de xullo, o Gabinete Psicopedagóxico cumpriu un ano de actividade desde que foi asumido polas súas actuais responsables, unha data especial que queren aproveitar para agradecer todo o interese e colaboración prestados pola Vicerreitoría do campus e pola comunidade universitaria ourensá. O día 15 de xullo o servizo pechará as súas portas para retomar a actividade o día 2 de setembro co inicio do curso académico 2013/2014. Neste tempo de vacacións, a recomendación que deixan para os universitarios e unversitarias é que aproveiten estes meses de verán para desconectar da vida académica e para recuperar folgos e comezar con forza en setembro.