DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ofrece ao alumnado orientación e asesoramento académico e persoal

O Gabinete Psicopedagóxico consolídase coa atención de 427 consultas

Autoestima, concentración e técnicas de estudos son algúns dos aspectos que traballa cos universitar

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 29/07/2011
Técnica de estudo, capacidade de concentración, autoestima ou orientación formativa son aspectos que o alumnado universitario terá que desenvolver ao longo dos seus estudos pero que non sempre posúe ou domina axeitadamente. Para axudalos nesta tarefa, o campus de Ourense conta cun Gabinete Psicopedagóxico que entre marzo de 2010 e maio de 2011 atendeu 427 demandas de asistencia no ámbito académico e persoal e realizou diferentes actividades grupais.

“O Gabinete Psicopedagóxico é un departamento destinado a ofrecer ao alumnado que o precise orientación e asistencia sobre aspectos estritamente académicos e outros persoais. Tanto uns coma outros poden influír no axeitado desenvolvemento académico e socio-familiar da persona e no ambiente na aula. Por este motivo, dende o ámbito universitario se pon a disposición da comunidade educativa os medios necesarios para resolver este tipo de dificultades”, explica Angélica Ferro, a psicopedagoga responsable do gabinete.

Entre marzo de 2010 e maio de 2011 atendeu, persoalmente e por teléfono e correo electrónico, un total de 427 demandas. O alumnado que máis solicitou os servizos do gabinete foi o de Ciencias da Educación (35%), seguido de Enxeñaría Informática (26%), Ciencias Empresariais (12%) e Dereito (11%). Segundo explica a súa responsable, o tipo de demandas máis habituais son as referidas a asesoramento en técnicas de estudo e organización do tempo; control da ansiedade e o estres, principalmente en época de exames; información sobre formación, novidades trala implantación das novas titulacións e becas e axudas ao estudo; e outros tema de índole persoal.

Dous tipos de usuarios

“O universitario que accede aos servizos de atención personalizada do gabinete soe responder a dous perfís: alumnado con demandas puntuais de información, como estudos, saídas profesionais, etc.; e alumnado demandante de axuda persoal, que acode regularmente ao gabinete con peticións de axuda de tipo académico e persoal, como aprendizaxe de técnicas de estudo ou de habilidade sociais, mellora da autoestima, control da ansiedade, etc.”, destaca Angélica Ferro.

Ademais da atención personalizada, ao longo deste período o gabinete tamén realizou diferentes actividades grupais. Entre elas están os Xoves de Relax nas termas; obradoiros de educación para a mobilidade e de kit de supervivencia para alumnos; xornadas de acollida ao inicio de curso; charlas informativas sobre diferentes aspectos; sesións de promoción das titulacións entre o alumnado de Bacharelato, e un curso de verán en Cambados sobre a educación viaria como canle da participación social.

“Con esta programación e con esta demanda de atención estamos moi satisfeitos, pois no seu terceiro ano de existencia vemos como o gabinete se consolida e cada vez é máis coñecido e empregado pola comunidade universitaria”, destaca a súa responsable. As súas portas estarán abertas o vindeiro curso para atender de novo as necesidades do alumnado.