DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Área de Normalización Lingüística ofrece seis modalidades de cursos no segundo cuadrimestre

Galego para todos, os de aquí e os de acolá

Estréanse no segundo cuadrimestre un curso de documentación administrativa e outro de cambios normat

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 15/02/2011
Para os estranxeiros como un complemento á súa formación na Universidade de Vigo, para a comunidade universitaria viguesa na procura de mellorar e perfeccionar as súas destrezas en galego e para os investigadores coa vista posta no fomento da cultura científica en galego. Galego para todos, esta é a aposta da Área de Normalización Lingüística para o segundo cuadrimestre no que se ofrecen seis cursos de lingua galega adaptados ás necesidades de todos os colectivos.

Desta volta, a ANL ofrece dúas novidades, ambas en modalidade virtual e ambas con tan boa acollida que xa teñen as prazas cubertas e precisan do desdobramento das clases. Trátase dun curso sobre cambios normativos e outro sobre documentación administrativa pero, con todo, a matrícula segue aberta ata o 28 de febreiro para todas as modalidades e a data de comezo da docencia será o 1 de marzo.

Para os estranxeiros, lingua e cultura galegas

Adiantándose unha semana, o día 24 deste mes botará a andar o Curso de Extensión Cultural que abre as portas ao estudantado estranxeiro na Universidade de Vigo ao abeiro de programas de intercambio para que coñezan a lingua e cultura galegas. A través da paisaxe, da cultura, da literatura, da música, da historia, do cine e mesmo da arquitectura, poderán coñecer de preto a idiosincrasia do país e a súa lingua, á que se achegaran practicando os coñecemento xerais sobre Galicia. Complementariamente os matriculados poderán percorrer algúns dos lugares máis singulares do país grazas ás viaxes que se organizan ao abeiro do curso, con visitas a varios museos e percorridos máis exhaustivos pola contorna de Vigo para poder coñecer de preto tradicións, festas e romarías e mesmo algo tan autóctono como os furanchos. A oferta compleméntase con concertos de música galega, contacontos, encontros con escritores en lingua galega e conversas con diversos persoeiros da cultura.

Lingua oral e cambios na normativa

O resto da oferta, que botará a andar o 1 de marzo, comprende un curso sobre os cambios normativos, outro sobre documentación administrativa, un de redacción de textos escritos e outro sobre comunicación oral e finalmente un centrado na redacción de traballos científicos e informes.

De modalidade virtual, o curso sobre os cambios normativos centrarase na formación ortográfica e morfolóxica la lingua galegas atendendo as modificacións aprobadas pola Real Academia Galega en 2003. Ao longo do mes de marzo os matriculados poderán actualizar os seus coñecemento sobre, por exemplo, os signos de interrogación, os grupos consonánticos -cc- e -ct- ou o uso da segunda forma do artigo. Pola súa banda, o curso de técnicas de comunicación oral en galego ofrece aos asistentes a posibilidade de mellorar no posible as presentacións orais e a capacidade de transmitir información ou ideas e afondar no coñecemento dos pasos e da estrutura dunha presentación ou exposición oral. Para iso traballarase a memoria, o léxico, a expresión non verbal, a pronunciación ou a lectura en público.

Textos en galego

Os outros tres cursos da ANL especialízanse na escrita. O primeiro deles, sobre a documentación administrativa achegará unhas recomendacións básicas sobre a elaboración de documentos administrativos e os diferentes modelos dos mesmos. Ao mesmo tempo desenvolverase un curso sobre redacción de textos escritos, dirixido a usuarios e usuarias que teñen un certo coñecemento da lingua galega, escrita e oral, que desexen acadar unhas maiores destrezas escritas de cara á produción e revisión de textos. Traballaranse a preescrita, a busca e xeración de ideas, o parágrafo, as propiedades textuais, o estilo ou a linguaxe non sexista. Finalmente, o curso de redacción de traballos científicos e informes está dirixido a aqueles interesados en perfeccionar a produción e revisión de textos científicos e informes traballando no galego culto, na argumentación ou nos trucos de redacción.

Para todos estes cursos, a matrícula permanecerá aberta ata o vindeiro 18 de febreiro e os prezos varían, sendo de balde para a comunidade universitaria e entre os 30 e os 60 euros para o público en xeral.