DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Bernadette O’Rourke presenta un libro que compara a realidade sociolingüística de galego e gaélico

Galicia e Irlanda, a loita das minorías

Centrar o fomento do idioma só no ámbito educativo, un dos erros máis graves que cometeu a república

Etiquetas
  • Vigo
Noemí Rey DUVI 24/02/2011
É obrigatorio na escola dende os 4 anos, aparece en todos os carteis xunto co outro idioma oficial, conta na nota para entrar na universidade, é un orgullo falalo aínda que sexa mal fóra das súas fronteiras xeográficas… e sen embargo moi poucos adultos son capaces de manter unha conversa nel. Trátase do gaélico, un idioma do que o galego pode tomar nota para comezar a debuxar o seu futuro. “A planificación lingüística en Irlanda ten case un século de vida, mentres que en Galicia comezou nos anos 80. Por iso, en lugar de ter medo á ‘irlandización’ do galego e de que se converta nunha lingua ritual, o que debería de facer é aprender dos éxitos e dos fracasos do gaélico”, recordou Bernadette O’Rourke, autora de Galician and Irish in the European Context, un libro que recolle un estudo comparativo entre galego e irlandés e a actitude lingüística dos mozos cara eles.

Foi durante a súa primeira estancia en Galicia hai xa 10 anos cando O’Rourke comezou a afondar nas diferenzas e aspectos en común que comparten ambas linguas. A conclusión foi clara: o galego ten que ser capaz de crear oportunidades fóra do eido educativo, nos sectores que realmente preocupan aos mozos, como o mundo laboral ou as novas tecnoloxías. “Un dos fracasos máis grandes de Irlanda é que dedicaron moito tempo e diñeiro a estudar a situación da educación e a tomar medidas neste contexto, pero despois dos 18 anos non había opcións para vivir en gaélico”, lamentou. Un exemplo desta pouca visión foi a aparición dunha canle de televisión só en irlandés, que se demorou ata 1996, cando a TVG xa levaba 10 anos funcionando. Como atraer público nun país onde só fala irlandés un 5% da poboación? Con subtítulos animando á xente a mellorar o idioma, con deportes que outras cadeas non retransmiten e “con rapazas moi guapas que crean unha imaxe positiva do irlandés”.

A gran diferenza entre o galego e o irlandés é o seu nivel de protección. O gaélico é a primeira lingua oficial de Irlanda a pesar do baixo porcentaxe de falantes; en Galicia, aínda que as estatísticas reflicten un 60% de falantes habituais, é un idioma cooficial. En común teñen a actitude positiva cara eles da poboación: nun estudo que fixo no ano 2004 para a súa tese de doutoramento en Vigo, O’Rourke concluíu que 87% dos mozos galegos considera que Galicia perdería a súa cultura propia sen o idioma. Pero “as actitudes non se converten en usos”, queda moito por facer.

Facerlle caso a Fernández Del Riego

Xa o dixo Francisco Fernández del Riego cando era presidente da Real Academia Galega: se o galego “resistiu catro séculos de desatención, que parvada é iso da morte do idioma?” As estatísticas históricas parecen estar do lado do galego: mentres que o gaélico comezou a perder falantes xa no século XVII e en 1851 só o 5% dos irlandeses era monolingüe, o galego tiña en 1877 un 88% de falantes. Segundo O’Rourke a viabilidade futura pasa por ter unha boa planificación lingüística, pero tamén pola situación socioeconómica que se viva. “A diversidade lingüística está ameazada constantemente por convivir nun mundo globalizado. Os responsables deben ter claro que o traballo nunca termina”, recalcou a escritora.

O libro significa a “inmersión da situación sociolingüística galega no mercado anglófono, xa que ata agora todos os foráneos que se achegaron a este campo coñecían pouco ou mal a nosa realidade. Ela racha con esa tendencia”, asegurou o profesor Fernando Ramallo durante a presentación.