DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo os datos do Indicador Abanca-Foro de Conxuntura Económica

Galicia mantén un crecemento interanual do 3,8% no mes de marzo

A variable con maior incremento é a de matriculación de turismos

Etiquetas
  • Medios
  • PDI
  • Ourense
  • Investigación
DUVI Ourense 28/05/2018

O Foro Económico de Galicia, coordinado polo Grupo Gen da Universidade de Vigo, vén de facer público o seu Indicador Abanca-Foro de Conxuntura Económica referido ao mes de marzo. Segundo os seus datos, Galicia experimentou un crecemento económico interanual do 3,8% neste mes, cifra que coincide coa do mes anterior. En termos intertrimestrais, o crecemento da actividade económica galega de xaneiro a marzo de 2018 acada un valor do 1%.

“Con esta información disponse xa do crecemento económico galego para o primeiro trimestre do ano que confirma unha inercia expansiva xa anticipada polo Indicador Abanca-Foro de Conxuntura Económica durante os dous meses anteriores”, sinalan en nota de prensa desde o Foro Económico de Galicia. En termos interanuais, detallan, as variables recollidas no indicador que experimentan un maior crecemento son as de matriculación e produción de turismos, especialmente a primeira, así como o transporte marítimo de mercadorías, que amosan crecementos superiores ao 10%. Outras variables cun comportamento positivo no mes de marzo foron a cifra de negocios na industria e o índice de produción industrial.

O Indicador Abanca-Foro de Conxuntura Económica está elaborado polo equipo de conxuntura económica do Foro Económico de Galicia, plataforma de transferencia de coñecemento das universidades e empresas galegas á sociedade coordinado desde a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense polo Grupo Gen. Para a súa confección pártese da análise e cuantificación de 15 variables económicas que inclúen cifras de emprego, facturación empresarial, comercio internacional, actividade industrial e sector servizos.