DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense acolle un curso de verán sobre a liquidación de impostos

Gastar 15 euros para aforrar moito máis na declaración da renda

Celebrarase do 6 ao 13 de xuño na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 30/05/2011
Unha cita ineludible destas datas é a presentación da declaración da renda correspondente ao ano 2010. Chega o momento de facer balance da nosa microeconomía e de render contas dela á Axencia Tributaria. Os máis previsores xa organizaron ao longo do ano os seus gastos e ingresos de tal xeito que a declaración será o máis beneficiosa posible para eles. Os menos previsores ou menos habilidosos neste eido agardan ansiosos a ver que lles di Facenda. Especialmente para estes últimos, o campus de Ourense organiza un curso de verán.

O curso A fiscalidade sobre a renda das persoas físicas: liquidación do IRPF e do ISD, dirixido polo profesor Alberto Vaquero, celebrarase do 6 ao 13 de xuño na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense. “O seu obxectivo é principalmente dar a coñecer o funcionamento básico do Imposto da Renda das Persoas Físicas e do Imposto de Sucesións e Doazóns no momento en que se ten que facer a declaración da renda 2010”, explica o director da iniciativa. No curso tamén se analizarán as repercusións fiscais dos contribuíntes polo tipo de rendas obtidas e avanzaranse as reformas fiscais que están en vigor dende o 1 de xaneiro de 2011 e que será necesario ter en conta para calcular os impostos para o vindeiro ano.

A formación, cun duración de 30 horas, fará un percorrido pola estrutura destes dous impostos a cargo de profesores e investigadores expertos neste eido e de profesionais que traballan no campo fiscal. Ademais, salienta Vaquero, “contaremos con sesións prácticas no laboratorio de informática nas que traballaremos con ferramentas electrónicas para liquidar os impostos, como o programa PADRE”.

Erros por descoñecemento

Sobre a importancia de coñecer estes impostos, Alberto Vaquero explica que “sen dubida, aínda non existe un coñecemento axeitado do funcionamento das figuras impositivas”. Ás veces, advirte, o contribuínte non coñece polo miúdo o seu funcionamento, o que lle leva a cometer erros sobre, todo no prantexamento das inversións en activos financeiros, no tratamento fiscal dos plans e fondos de pensións e noutros instrumentos similares. “Tamén se detectan erros no tratamento fiscal das ganancias e perdas patrimoniais por descoñecemento, descoñecemento incluso maior cando se ten que liquidar unha herdanza o unha doazón”, apunta Vaquero.

Ante esta situación, o profesor explica que “é necesario planificar con tempo as decisións no campo fiscal, xa que en base ao tipo de decisións que tomemos a factura fiscal pode ser moi distinta. Para iso é preciso coñecer como funcionan os impostos e este curso é unha boa oportunidade para entender o funcionamento básico do IRPF e do ISD”.

Polo seu carácter práctico, esta iniciativa tense convertido nunha cita tradicional nos cursos de verán, celebrándose este ano a súa décima edición. Pódese apuntar a el calquera persoa, da comunidade universitaria ou de fóra dela, que teña interese en coñecer de primeira man o IRPF e o ISD. O prezo, 15 euros.

Será o primeiro dos cursos de verán 2011 do campus de Ourense, que este ano oferta case 700 prazas en 12 cursos diferentes, que abranguen desde aprender a catar viños ata a xestión de espazos naturais.