DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un equipo patrocinado pola Universidade participará en Marrocos nesta cita de referencia pola súa du

O gran reto, correr os 240 quilómetros da Sultan Marathon des Sables

Estarán José García-Calvo, coordinador das rutas culturais, o docente Antonio Molina e a médica Ana

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 22/03/2012

José García-Calvo Willy, Antonio Molina e Ana Guede levan seis duros meses de adestramento diario para superar un gran reto físico e mental. Correr do 6 ao 16 de abril a 27 Sultan Marathon des Sables, en Marrocos. Co patrocinio da Universidade de Vigo, o equipo afronta con moita ilusión e ganas unha proba na que percorrerán 240 quilómetros polo deserto e na que só disporán dunha mochila de nove quilos de peso co imprescindible para sobrevivir. Eles serán tres dos arredor de 1000 participantes que se darán cita nesta maratón de referencia pola súa dureza e pola disciplina e espírito de sacrificio que require dos corredores.

O equipo da Universidade de Vigo foi presentado este xoves coa participación de María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Rodrigo Alberte Pivida, responsable do Servizo de Deportes do campus; e Pablo Villuendas, xerente das Termas Outariz Ibernisha, que tamén patrocina a iniciativa xunto a colaboración de Deportes Redonet. “Os nosos parabéns a todos os participantes porque nesta proba ídesvos medir con vos mesmos e cos demais nun reto persoal para o que non todo mundo está capacitado física e psicoloxicamente”, destacaba durante a presentación María Lameiras.

Disciplina e sacrificio

José García-Calvo Willy, coordinador do equipo que correrá a maratón e das rutas culturais do campus de Ourense, salientaba que esta proba “non é de atletas, senón de persoas sacrificadas”, polo que gabou a implicación nela do profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense Antonio Molina e da médico Ana Guede. Con 65, 40 e 50 anos respectivamente, o coordinador fixo fincapé en que o que caracteriza a este equipo non é tanto a súa condición física senón o seu espírito sacrificado, a súa vontade clara de acadar un obxectivo e o seu voluntarismo.

“Adestramos seis días á semana durante seis meses, descansando só o domingo, algo que require moita constancia e disciplina, buscando sempre ocos entre o traballo e a familia para adestrar”, apuntou Antonio Molina. El será a primeira vez que acuda a esta cita, onde José García-Calvo e Ana Guede xa participaron con anterioridade, sendo esta última a única muller galega que ten realizado a maratón en dúas ocasións. “É unha proba moi dura, o esforzo físico é importante pero tiras para adiante pola cabeza”, advertiu Guede.

Nove quilos na mochila

A 27 Sultan Marathon des Sables é unha carreira a pé, por etapas, en autosuficiencia alimenticia e con liberdade de ritmo coa obriga de cada participante de cargar coa súa equipaxe e comida, excepto a auga que é proporcionada en cada etapa pola organización. Nos nove quilos de mochila que portará cada un dos participantes deberán levar a súa comida, equivalente a 2000 quilocalorías ao día, material de supervivencia persoal, como saco de durmir, compás, lanterna e antisépticos, e un kit obrigatorio de supervivencia proporcionado pola organización, que inclúe unha bengala e pastillas de sal.

Como responsable do Servizo de Deportes ourensán, Rodrigo Alberte Pivida salientou a súa satisfacción pola participación deste equipo na maratón e o feito de que estea liderado por José García-Calvo, responsable das rutas culturais no campus de Ourense. “A participación de Willy, Antonio e Ana nunha proba tan dura é un acto moi valente”, dixo.