DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Acadaron sendas vitorias fronte ao Mercantil de Vigo e o Tenis Porriño

Gran xornada para os equipos masculinos de tenis

Varios integrantes do equipo de Orientación participaron no I Raid Fluvial Lugo-Concello de Lugo

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
DUVI 07/05/2018

 A fin de semana non puido saírlles mellor aos equipos masculinos de tenis da Universidade ao acadar dúas contundentes vitorias, uns fronte ao Club Mercantil de Vigo –división de prata- e, os outros fronte ao Tenis Porriño –primeira división-. Pola contra, menos sorte tiveron as súas compañeiras do equipo feminino que, no que era un dos seus primeiros partidos, non puideron superar ao Tenis Boiromar B.

O equipo masculino A xogou na casa contra o Mercantil de Vigo e logrou gañar por un total de 6-1, perdendo só o último partido de individuais ao ter que retirarse un dos xogadores do equipo universitario por lesión cando ía gañando por 7/5 e 3/2. O resto de partidos gañáronse con solvencia. No caso do masculino B xogou contra o Tenis Porriño como visitante. “Tras os individuais o resultado non nos favorecía e todo indicaba que se aveciñaba unha derrota, pero os nosos rapaces lograban imporse en ambos partidos de dobres e, finalmente, acadamos un resultado final de ¾ ao noso favor”, explica o adestrador do equipo, Jorge Comesaña, que fixo tamén fincapé en que as rapazas só puideron lograr un punto dos cinco totais. “Hai que ter que conta que todas, agás unha, pertencen ás escolas deportivas e que loitaron moi ben pese a ser un dos seus primeiros partidos”, recalcou Comesaña.

Continúa a participación universitaria na Liga Galega de Orientación

Seguindo o calendario da Liga Galega de Orientación, tres integrantes do equipo da Universidade –Isabel Pastoriza e Germán e Jorge Pérez- desprazáronse a Lugo para participar no I Raid Fluvial Lugo-Concello de Lugo, 2ª proba do calendario da Liga Galega de Raids de Aventura 2018. “O raid é unha competición multidisciplinar destinada a probar a capacidade de resistencia, de navegación e de supervivencia de equipos en completa autonomía”, explica José Luis Armada, responsable da sección de Orientación da Universidade, quen tamén explicou que as e os participantes deben completar un extenso percorrido no menor tempo posible, superando as dificultades naturais que atopen ao seu paso, utilizando exclusivamente as súas propias forzas e sen recibir axuda externa nin valerse de medios motorizados (canoa, esquís, cascos, cordas, guantes, bastóns...)