Os cartos recollidos destinaranse á Cruz Vermella
Grande éxito de ventas no primeiro día do mercadillo solidario de Libros por Haití
Permanecerá aberto ata o vindeiro martes en diferentes puntos do campus
A razón dun libro por minuto deu comezo a venda dos máis de 1500 exemplares recollidos no mercadillo solidario de Libros por Haití, que se inaugurou este mércores con dous postos, un deles situado no Centro Comercial de Cidade Universitaria e outro na Facultade de Filoloxía e Tradución. O vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area, acudiu a primeira hora para dar o pistoletazo de saída á iniciativa da Biblioteca Universitaria que, baixo o lema Hai algo en ti que podes compartir, estará presente durante cinco días en diferentes edificios e centros do campus co fin de recadar todos os cartos posibles vendendo todas as existencias a un prezo único de catro euros, o que, segundo Paz de la Peña, da sección de adquisicións da Biblioteca Universitaria e unha das promotoras da iniciativa, é algo difícil pero non imposible, posto que “recollemos unha gran cantidade de exemplares e esperamos vender moito, tanto dos que fixeron algunha doazón coma dos que non”.
Pola súa banda, Isabel Longa, outra promotora da iniciativa, cualificou a respostas da comunidade universitaria como “un éxito total” que se fixo notable dende primeira hora da mañá, “polo que tivemos que abrir todas as caixas de libros que tiñamos para repoñer os exemplares que se ían vendendo” indicou Longa. Co fin de contabilizar os exemplares máis vendidos, as organizadoras do mercadillo levaron a cabo un rexistro no que se recollen o tipo de obras vendidas “para analizar os libros entregados e os vendidos e ver o que é o que mellor funciona” explicou de la Peña, que tamén salientou a gran utilidade deste estudo para a biblioteca “co obxectivo de analizar o que máis se le na comunidade universitaria e telo en conta para unha posible segunda edición do mercadillo”.
Nieves e Paz, as primeiras compradoras
Nieves Ballesteros e Paz Alonso, ambas pertencentes ao persoal da Facultade de Ciencias Experimentais, foron as primeiras compradoras en asistir ao mercadillo nada máis abrir ás 10 da mañá. Para facer a súa particular achega á causa, Ballesteros decantouse por un dicionario de lingua española para o seu sobriño, mentres que Alonso mercou un exemplar de Isabel Allende e a novela Crepúsculo en Oslo, de Anne Holt. Entre as dúas adquisicións sumaron un total de 12 euros cos que se iniciaba a recadación, que se destinará á Cruz Vermella para axudar a Haití.Tanto Ballesteros coma Alonso gabaron a iniciativa da biblioteca, da que salientaron os prezos simbólicos dos exemplares, que se venden a catro euros, “o que significa que por estes cartos podes mercar catro ou cinco libros polo prezo do que custa un exemplar normalmente” argumentou Alonso.
Os dicionarios, entre os máis demandados
De entre os máis de 1500 exemplares doados pola comunidade universitaria xunto con outras colaboracións, os dicionarios de linguas son os máis demandados entre a clientela do mercadillo, un interese que ven dado porque “se trata de exemplares adaptados a todo tipo de ensinanza: primaria, secundaria e universitaria” apuntou Paz de la PeñaAdemais dos dicionarios, tamén abondan as novelas de moi variados xéneros e de grandes autores como Isabel Allende ou Ken Follet, así como exemplares de divulgación, o que supón unha oferta moi variada, entre a cal tamén hai libros sobre temas específicos que se ofrecerán naqueles centros nos que se imparte algunha titulación relacionada, “como é o caso dos libros escritos en inglés, que terían unha mellor saída na Facultade de Filoloxía e Tradución” explicou Longa.