DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O maxistrado da Audiencia Nacional participou nas II Xornadas sobre Comunicación e Xustiza

Grande-Marlaska avoga por eliminar o segredo sumarial para unha mellor información

Advirte que a única nova xudicial é a resolución do procedemento

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 14/10/2011
Cada día no seu lugar de traballo, a Audiencia Nacional, unha media de 20 xornalistas se achegan en busca de novas, haxa ou non previsto algún evento especial. Buscan información sobre procesos xudiciais destacados e de interese para a opinión pública. Como maxistrado desta Audiencia Nacional e pola súa proxección mediática, Fernando Grande-Marlaska coñece moi ben o difícil equilibrio entre o dereito á liberdade de información dos medios de comunicación e o dereito á honra, a un xuízo xusto e á presunción de inocencia das persoas xulgadas. Para avanzar neste eido, salienta a importancia de eliminar o “obsoleto” segredo na instrución de sumarios, cuxo incumprimento, advirte, é xeneralizado, e porque os membros da carreira xudicial asuman que o seu traballo “ten que ser obxecto de coñecemento e crítica por parte da sociedade no momento oportuno, cando xa non hai interferencias co propio proceso”.

Fernando Grande-Marlaska foi o convidado “estrela” este venres da segunda sesión das II Xornadas sobre Comunicación e Xustiza que organizou os días 13 e 14 de outubro a Universidade de Vigo e o Consejo General del Poder Judicial no Centro Cultural da Deputación de Ourense, baixo a coordinación de Inés Iglesias Canle, profesora da Facultade de Dereito, e Antonio Dorado, vogal do Consejo General del Poder Judicial. O maxistrado compartiu mesa de debate arredor da incidencia da noticia xudicial nos procesos mediáticos con Fernando Ramos, profesor da Universidade de Vigo; Raúl Quián, xornalista da TVG, e María Montero, directora de comunicación do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Máis entendemento

“Hai unha falta de entendemento entre medios de comunicación e xuristas polo excesivo celo profesional duns e doutros”. Deste xeito resumía Grande-Marlaska a súa visión das complicadas relacións entre ambos profesionais e as entidades que representan. Neste contexto, advertiu, “a nosa preocupación non é o traslado da información á opinión pública, o preocupante son os xuízos mediáticos paralelos, cando un medio de comunicación quere compoñer el mesmo o procedemento e chegar a unhas determinadas conclusións”.

Nesta preocupación, durante a súa intervención o xuíz fixo fincapé en que “a nova xudicial só sae a través das resolucións xudiciais, non hai outro tipo de información xudicial. As declaracións de avogados e outras fontes similares é información de terceiros, información opinada”. Á hora de transmitir esta información xudicial, Grande-Marlaska advertiu que “na administración de xustiza temos unha limitación, sobre todo na fase de instrución, onde non os feitos senón as actuacións xudiciais, como declaracións, informes periciais, etc., teñen o imperativo de segredo”.

Desde o punto de vista xudicial, dixo o maxistrado, é unha materia pendente a eliminación, salvo excepcións, deste segredo. A súa reforma, advertiu, “significaría un mellor entendemento dos feitos xudiciais. Se desde o principio hai unha información xudicial clara sempre se dá menos espazo a rumores e a outros procesos non se que suplantaría a investigación xudicial”. Como outra materia pendente neste eido, o maxistrado dixo que os membros da carreira xudicial deben rachar co “medo a comunicar o que se está investigando”. “Xornalistas e xuíces somos elementos dunha sociedade democrática en relación, que nos movemos cun mesmo fin pero con medios e instrumentos non asimilables. Uns e outros non podemos confundirnos e cada un ten que ocupar o seu papel e ter unha relación normalizada”, apuntou.

Ética xornalística

Con moito sentido do humor e en base aos seus coñecementos prácticos como xornalista e teóricos como docente, Fernando Ramos, profesor da Universidade de Vigo, ofreceu a súa visión dos procesos mediáticos salientando que “a intromisión ilexítima de xornalistas en procesos xudiciais é un problema de responsabilidade, de ética e de non ter claros os límites”. Ramos advertiu que os xornalistas non deben escusarse en que “se lle poñemos un presunto ou un podería ser xa podemos dicir calquera barbaridade” pero tamén chamou a atención dos profesionais da xustiza para que empreguen unha linguaxe máis clara.