DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na segunda sesión do ciclo Escritores na Universidade

As grandes obras literarias proceden de relatores cun profundo interese pola lectura

Begoña Caamaño e Xosé Monteagudo disertan sobre a narrativa galega actual

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Romina Vázquez DUVI 21/10/2010
Cunha revisión do clásico A Odisea de Homero e unha análise da condición humana transcurriu a segunda xornada do ciclo Escritores na Universidade, celebrada na Facultade de Filoloxía e Tradución.

Nesta ocasión os invitados foron a viguesa Begoña Caamaño e Xosé Monteagudo, natural de Moraña, aos que Camino Noia, profesora do Departamento de Filoloxía Galega e Latina, definiu como “dous bos narradores e grandes lectores”. Os dous relatores coincidiron en afirmar que o seu interese pola escritura parte do amor polos libros que os seus proxenitores lles inculcaron dende moi cativos. “Tras deborar miles de relatos chega un momento no que precisas lerte a ti mesmo”, explica Caamaño.

A revisión dun clásico de Homero

Xornalista de profesión, Begoña Caamaño publicou o ano pasado a súa primeira obra baixo o título Circe ou o pracer do azul, na que “da voz ás mulleres ás que Homero lla negaba, posto que as súas obras están cheas de estereotipos”, explica Camino Noia.

Tras ter lido a Homero con tan só dez anos, a escritora viguesa retomou o clásico A Odisea preto dos corenta para reflexionar sobre o papel que o sexo feminino tiña nesta obra, creada nunha época na que a meirande parte dos textos gregos eran de corte misóxino. “As mulleres aparecían como seres malvados e perversos que sempre se equivocaban nas decisións que tomaban”, apunta Caamaño.

Tras facer unha revisión histórica dos mitos de Penélope e Circe, protagonistas da Odisea, “atrevinme a construir un relato dentro da propia obra de Homero ensalzando os seus papeis, centrándome no porqué das súas actitudes e accións”, explica a escritora, que engade que “dende sempre estes dous personaxes reclamaban capacidade para pensar por si mesmas e para actuar segundo as súas reflexións.”

Reflexión sobre a condición humana na sociedade actual

As voces da noticia, Un tipo listo e Noites de velorio son as obras que Xosé Monteagudo, licenciado en Dereito, ten publicadas. “Trátase de historias que relatan a cotidaneidade, xa que lle gusta falar da xente que está ao seu arredor”, explica Noia.

Para este escritor, o relato non comeza coas primeiras liñas, senón que procede dunha imaxe anterior no tempo que vai madurando ata da lugar a uns personaxes. “Cando collo o lapis teño que saber bastante sobre os protagonistas e o seu carácter, pero non sei qué sorpresas me poden deparar, por iso resulta tan interesante”, segundo as súas palabras. “O que intento é chegar a unha reflexión sobre a condición humana na nosa época”, engade.

Para concluír, Monteagudo resaltou que contrariamente ao que se pensa, a calidade na literatura non resulta incompatible co interese da trama, destacando que este é o seu principal obxectivo como escritor.