DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Despois de que a covid-19 obrigase á súa suspensión os últimos tres cursos

O Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte recupera as súas probas de acceso

A inscrición permanece aberta o 11 de abril

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 16/03/2023

Dirixidas a garantir que o alumnado posúa as aptitudes necesarias para o correcto desenvolvemento das competencias propias da titulación, na memoria do Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte establécese que o alumnado que queira cursar esta titulación deberá superar unhas probas de aptitude física. Despois de que a situación provocada pola pandemia levase á suspensión temporal deste requisito nos últimos tres cursos, as probas volverán desenvolverse na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte os días 15 e 20 de xuño. 

Ata o 11 de abril permanece aberto o prazo de presentación de solicitudes para participar nunhas probas que, como salienta o decano, Óscar García, buscan garantir que o futuro alumnado posúa a “competencia motriz” necesaria para o seu correcto desenvolvemento nunha titulación “que baséase fundamentalmente en saber facer”. Nese senso, trátase dun requisito previo que deberán posuír aqueles e aquelas que queiran cursar esta titulación, aínda que serán as cualificacións da ABAU e o expediente académico os que determinen quen acadará praza nunha titulación “con moita demanda”, como recoñece García. “É algo que temos que cumprir obrigatoriamente, porque así o temos recollido na memoria do título”, sinala o decano, con independencia “de que probablemente abramos proximamente”, en Xunta de Facultade, “o debate sobre que tipo de probas serían convenientes, porque evidentemente todo o relativo ao exercicio físico ten evolucionado moito". 

Sete probas e dúas datas de realización

Como lembra García, estas probas están dirixidas a garantir "un mínimo de habilidade motriz" e, de feito, no último ano no que se levaron a cabo foron superadas por máis de 90% das persoas aspirantes. Trátase de probas de adaptación ao medio acuático, forza explosiva dos membros superiores e dos inferiores, axilidade con obstáculos, mobilidade articular, habilidade ximnástica e resistencia aeróbica. Para obter a cualificación de aptas e aptos, as e os aspirantes deben alcanzar as marcas mínimas recollidas no regulamento en seis destes sete exercicios, incluíndo en todo o caso o de adaptación ao medio acuático, que ten carácter obrigatorio.

As persoas inscritas disporán á súa vez de dúas oportunidades para superar estas probas, que se levarán a cabo os días 15 e 20 de xuño nas instalacións da facultade e na piscina do Centro Galego de Tecnificación Deportiva. No caso de obter a cualificación de apto, esta terá unha validez de dous cursos. Por outra banda, como recolle a súa convocatoria, non terán que realizar estas probas aqueles a aquelas que as superasen en calquera outra universidade española. Tamén están exentos deste requisito previo as persoas acrediitadas como deportistas de alto nivel ou de alto rendemento polo Consello Superior de Deportes ou polo organismo competente da comunidade autónoma. 

Presentación de solicitudes ata o 11 de abril

Desde este mércores e ata o martes 11 de abril permanece aberto o prazo de inscrición nestas probas, a través da sede electrónica da UVigo, debendo os interesados e interesadas aboar os prezos públicos establecidos e achegar tamén un certificado médico no que conste “que non existe ningún tipo de contraindicación que impida a realización de probas físicas de máximo esforzo”, segundo recolle a convocatoria. Este último deberá presentarse antes da publicación das listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas, programada para o 15 de maio, mentres que as listas definitivas daranse a coñecer o 19 dese mesmo mes.