DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun certame aberto a alumnado de Bacharelato, FP e universidade

O Grao de Enxeñaría Agraria busca a mellor fotografía sobre a súa profesión

O seu obxectivo é visibilizar a nova realidade deste sector

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Institucional
DUVI Ourense 01/06/2022

Polo seu peso socioeconómico histórico, o sector agrario é un dos máis relevantes tanto na provincia de Ourense como no conxunto de Galicia. Tamén é un dos sectores que nos últimos ano ten vivido unha maior transformación debido ao impacto da tecnoloxía. Co obxectivo de visibilizar esta relevancia, o Grao de Enxeñaría Agraria, da Facultade de Ciencias do campus de Ourense, convoca un certame de fotografía aberto ao alumnado tanto universitario como preuniversitario.

“O noso Grao de Enxeñaría Agraria celebra o seu patrón San Isidro 2022 cun certame de fotografía que ten como temática calquera aspecto do traballo dunha ou dun enxeñeiro agrónomo”, explica Francisco Javier Rodríguez Rajo, decano da Facultade de Ciencias. Concretamente convócanse tres premios á mellor fotografía: un destinado a alumnado universitario, outro a alumnado de centros de Formación Profesional e outro a alumnado de centros de Bacharelato. En cada unha das categorías concederase un ordenador portátil á autora ou autor da obra seleccionada. Todas as fotografías enviaranse ata o 10 de xuño de xunto cunha descrición das mesmas, o nome do autor ou autora e o centro de pertenza, ao enderezo electrónico fcou@uvigo.es.

Unha profesión en transformación

O Grao de Enxeñaría Agraria, lembran os seus responsables ás persoas interesadas en participar neste certame, habilita para o exercicio da profesión regulada de enxeñeiro técnico agrícola, ofrecendo os coñecementos científicos e tecnolóxicos vinculados coa produción agrícola-alimentaria e paisaxística. Os sectores de traballo destes profesionais abarcan diferentes campos tanto na industria agroalimentaria como na xeral, sendo algunhas das súas saídas as novas tecnoloxías agrarias, a agricultura de precisión, a tecnoloxía e procesado de produtos, o control de calidade e seguridade agroalimentaria, a xardinaría, a planificación do territorio e paisaxismo, a enxeñaría rural e proxectos de industrias agrarias e alimentarias, a xestión de empresas e comercialización de produtos, peritacións industriais e investigación, etc.  

“Estamos ante unha das profesións que máis mudou nos últimos anos grazas á tecnoloxía”, explica Rodríguez Rajo pondo como exemplo a expansión da agricultura de precisión e o uso de modelos matemáticos e drones para a predición de enfermidades nos cultivos. Con este certame de fotografía, sinala, o Grao de Enxeñaría Agraria quere que o alumnado se achegue a esta nova realidade e vexa as “enormes oportunidades de futuro” que ten neste sector. Para aquelas e aqueles que queiran facer da enxeñaría agraria a súa profesión de futuro, a Facultade de Ciencias, lembra o seu decano, ofrece un grao “que practicamente ten pleno emprego” e que conta con infraestruturas de vangarda (como laboratorios) e grupos de investigación referentes que lles garanten “unha formación de excelencia”.