DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Grupo Cuevas amosa aos estudantes a importancia da I+D empresarial

Nunha das Actividades de Formación para o Emprendemento da Cátedra Bancaja

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Raquel Feijóo DUVI 21/01/2010

Estudantes do mestrado en Creación, Dirección e Innovación na Empresa que se imparte na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo visitaron este mércores a sede do Grupo Cuevas no polígono industrial de O Vinteún, onde puideron observar a aposta decidida da empresa, líder na produción e distribución de produtos alimenticios, pola innovación e as novas tecnoloxías. A visita forma parte do programa de Actividades de Formación para o Emprendemento, unha iniciativa da Cátedra Bancaja de Xoves Emprendedores da Universidade de Vigo que ten por obxectivo que os estudantes coñezan as ferramentas necesarias para pór en marcha e xestionar un novo modelo de negocio.
No transcurso da visita ao Grupo Cuevas o seu xerente, Manuel Rodríguez de la Fuente, explicoulles ao estudantado os valores que rexen a empresa e o proceso de innovación que desenvolve e que lle permitiu deseñar e crear, no ano 2008, un novo formato de supermercado innovador, eficiente e saudable: o AQUIÉ.

A colaboración coa Universidade, "fundamental para crear un novo modelo de negocio"

Rodríguez de la Fuente expuxo a posta en marcha deste proxecto, dende a tenda, a iluminación e o mobiliario ata o uso das novas tecnoloxías no establecemento e subliñou que para a consolidación desta iniciativa foi fundamental a colaboración coa Universidade de Vigo a través da creación da Cátedra do Grupo Cuevas. Ana Gueimonde, directora da Cátedra Bancaja, fixo fincapé tamén nesta aposta do grupo pola institución académica porque, segundo explicou, “con ela a empresa consolida a súa aposta decidida pola Universidade de Vigo e o compromiso firme co coñecemento e a súa transferencia. A chamada terceira misión da Universidade permitirá o intercambio e a mellora das prestacións coas que o ámbito académico e a empresa contribúen ao sector da alimentación e, por extensión, á calidade de vida dos ourensáns”, declara.
O recoñecemento internacional do grupo empresarial por este proxecto chegoulle da man de numerosos medios de comunicación, prensa e revistas especializadas que axiña se fixeron eco deste novo modelo de supermercado. Merece especial atención o feito de ter sido nominado na edición do 2009 dos prestixiosos premios WRA (World Retail Awards). A empresa foi finalista na categoría de Retail Innovation-.

A importancia da innovación e as novas tecnoloxías no mundo empresarial

O estudantado puido comprobar na visita ás instalacións do Grupo Cuevas a importancia que xogan a innovación e as novas tecnoloxías na consolidación e o crecemento dunha empresa. Esta compañía, por exemplo, xa implantou no ano 2004 un dos ERPs líderes do sector da distribución alimentaria: o ERP Microsoft Dynamics Ax. Esta implantación na compañía galega foi cualificada pola propia multinacional Microsoft como unha referencia a nivel mundial. O seguinte paso consistiu en adaptar o ERP a un avanzado Business Intelligence (QlikView), capaz de desenvolver en tempo real a análise e tratamento de datos e cadros de mando. Tamén durante o transcurso da visita o alumnado observou o funcionamento dun sistema de xestión por voz (3I Voice), un "vello coñecido" para ela, xa que empresa foi pioneira a nivel europeo en adoptar este sistema.
As Actividades de Formación para o Emprendemento da Cátedra Bancaja para este primeiro cuadrimestre do curso académico comezaron o seu desenvolvemento no mes de novembro cun seminario sobre Cómo xestionar estratexias empresariais na época dos social-media. No seu transcurso os estudantes tiveron a oportunidade de visitar as instalacións de Inditex en Arteixo ademais da sede do Grupo Cuevas no polígono industrial de O Vinteún, “dúas visitas organizadas co obxectivo de que o alumnado teña acceso a empresas excelentes para coñecer o proceso de mellora que levaron a cabo e que as fai ser líderes”, segundo explica Ana Gueimonde. A última actividade está prevista para o vindeiro día 11 de febreiro e consistirá nun encontro entre emprendedores, administracións e Universidade.