DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pablo Romero, con investigadores belgas e alemáns, encargarase de certificar a calidade do sistema  

O grupo GALMA asesorará o Parlamento Europeo na posta en marcha do seu novo servizo de subitulación en directo nos 24 idiomas da UE

O investigador da UVigo incide na importancia de garantir a accesibilidade para os usuarios 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 01/01/2022

Realizar a primeira investigación do mundo sobre cinco sistemas diferentes de subtitulación en directo e crear, hai sete anos, o sistema de calidade NER, que avalía os subtítulos xerados en directo, converteron o docente e investigador do grupo GALMA da UVigo, Pablo Romero Fresco, a ollos do Parlamento Europeo, nunha das persoas idóneas para avaliar a calidade do que será o seu primeiro servizo de tradución e transcrición en directo de todos os debates que teñen lugar na cámara nos 24 idiomas da UE. Romero, xunto a un equipo de expertos mundiais en accesibilidade e subtitulado en directo da Universidade de Amberes e da Universidade de Mainz, integrará o grupo de 5 asesores que, durante un ano, se encargará de testar o novo sistema de transcrición e subitulación en directo que o Parlamento Europeo porá en marcha e que complementará ao actual de interpretación simultánea. “O problema é que os servizos de interpretación simultánea se fornecen tradicionalmente pola canle oral, e, por tanto, non son accesibles a persoas xordas e a ademais non hai rexistro escrito do dito, que logo cómpre transcribir”, sinala o investigador da UVigo, que lembra que hoxe en día a accesibilidade é un requisito, ademais de que cada vez se demanda máis que as interpretacións teñan unha versión escrita.

En 2019, o Parlamento Europeo iniciou un proceso de licitación que rematou coa contratación de dúas empresas que foron elixidas para crear o primeiro servizo de tradución e transcrición de todos os debates da cámara. Logo dese proceso, no que GALMA estivo presente asesorando no proceso de avaliación da calidade dos subtítulos creados polas empresas que se presentaron á licitación, chega agora o momento de empezar a utilizar o sistema, para o que xa se están a realizar probas con 10 dos 24 idiomas da UE, concretamente alemán, francés, inglés, español, italiano, polaco, grego, romanés, portugués e holandés. “Non se trata só da calidade do produto que vai saír, tanto na transcrición no mesmo idioma cando se está a falar, como na tradución, senón sobre todo de asegurarnos de que pode ser accesible para o usuario, é dicir, en que dispositivo sae, como aparecen os subtítulos, a que velocidade, que formato e aparencia teñen, se saen por streaming en Youtube ou nos dispositivos persoais do público asistente a sesión, se están dispoñibles máis adiante cando xa é unha gravación, etc”, detalla Pablo Romero.  

Aínda que o servizo de interpretación continuará existindo no Parlamento Europeo, con profesionais de altísimo nivel, “algúns deles formados na UVigo”, sinala o investigador de GALMA, Romero non agocha a súa preocupación porque esta calidade na interpretación se garanta tamén no caso dos subtítulos. “Aínda que todos podemos usar os subtítulos, normalmente só son imprescindibles para as persoas xordas, que son as menos e que contan menos; e isto nótase. Para min, este é o papel fundamental que temos que facer aquí, asegurarnos de que para unha persoa xorda isto non é un favor que lle estamos a facer, senón que é algo que xa debería funcionar porque é unha cuestión básica de equidade. Hai que esixir que exista este servizo e que teña a mesma calidade que a interpretación”, explica.

Un exemplo de transferencia de coñecemento nun momento crucial 

Logo de anos traballando en sistemas que permiten subtitular en directo mediante recoñecemento de fala, ben de xeito automático, ben con humanos, o investigador do grupo GALMA asegura “que agora mesmo estamos nun momento crucial no mundo da interpretación, tradución e accesibilidade, no que traballamos man a man, e de diferentes xeitos, coa tecnoloxía, e no que xa non está tan claro que a tradución sexa só escrita, a interpretación só oral e a accesibilidade só para persoas con discapacidade. A separación entre estas disciplinas é cada vez menos ríxida, o que por outra parte reflicte como imos avanzado cara unha sociedade cada vez máis diversa”.  

Para o investigador da Facultade de Filoloxía e Tradución da UVigo este traballo de asesoría ao Parlamento Europeo é ademais un claro exemplo de transferencia, froito dunha investigación, e posterior obtención de resultados, que deriva finalmente nunha contratación por parte da cámara europea para recibir asesoramento no novo produto que van poñer en marcha e que permitirá por vez primeira que o Parlamento Europeo sexa accesible para persoas xordas, pero tamén para calquera que precise dispor de subtítulos. “O que nos gusta de todo isto é que en base á investigación que fixemos Luis Alonso Bacigalupe, investigador de GALMA, e eu, a primeira no mundo comparando cinco sistemas diferentes de subtitulación en directo, desde a humana á totalmente automática, podemos facer un traballo de transferencia que realmente fai que os resultados se apliquen e que, se todo vai ben, mellore as condicións nas que moita xente accede ó Parlamento Europeo”, destaca Romero.

A UVigo, unha referencia no mundo na formación en refalado 

O traballo que desde hai anos desenvolve o investigador de GALMA no ámbito da subtitulación en directo mediante recoñecemento de fala, tamén denominada interpretación de voz a texto, e na que os e as intérpretes escoitan e traducen á vez, pero con signos de puntuación, ditando todo a un recoñecedor de fala, de xeito que o que sae, en lugar de ser un audio noutro idioma son subtítulos noutro idioma, tamén derivou, máis aló de resultados de investigación, nunha liña formativa propia na UVigo. “Non hai practicamente lugares do mundo nos que se forme a estes intérpretes de voz a texto e o único que hai en español é o curso de especialista en interpretación simultánea de voz a texto que impartimos na Universidade de Vigo”.

Así mesmo, e ante o impacto que a tecnoloxía está a ter na tradución, na interpretación e na accesibilidade, o Grao en Tradución e Interpretación que se imparte na Facultade de Filoloxía e Tradución está en proceso de reforma para incorporar, entre outras, unha materia única no mundo que trata a interpretación de voz a texto ou a capacidade de crear subtítulos en directo en base a un contido oral. “Isto non existe como materia en ningún grao do mundo, mais, se a proposta sae adiante, comezará a impartirse no novo grao de Tradución e Interpretación da UVigo. A tecnoloxía xa convive cos profesionais da tradución e a interpretación diariamente e a idea é que o estudantado se forme coñecendo e aproveitando esta tecnoloxía”, explica Romero, que destaca a existencia de dous tipos de tecnoloxías moi importantes: recoñecemento de fala e tradución automática. “As tecnoloxías da lingua, empregadas neste caso para a creación de subtítulos accesibles, poden ser unha fonte de apoio ó labor de tradutores e intérpretes, que serán, ademais, os expertos encargados de velar pola calidade dos sistemas automáticos e/ou de tradución asistida que a propia tecnoloxía está a facer posible. Niso estamos”, destaca o investigador de GALMA.

Espallando a accesibilidade no mundo do cine

En paralelo a súa actividade como docente e investigador da UVigo, Pablo Romero participará este verán no primeiro obradoiro/campus de verán para cineastas, produtores, guionistas, etc. españois promovido por Netflix e a Academia de Cine Española, co obxectivo de formalos en diversidade e inclusión. O investigador de GALMA que considera estas dúas cuestións “materias pendentes no noso cine”, explica que Netflix acaba de publicar unha guía de diversidade e inclusión en cine, inspirada na que el mesmo elaborou hai uns anos, e “invitáronme a impartir un obradoiro sobre accesibilidade, de xeito que parte desta formación para cineastas sexa aprender a facer o seu cine accesible para diferentes tipos de espectadores con e sen discapacidades”.  

A raíz desta iniciativa, Romero foi invitado pola Worldwide Audiovisual Women's Association en Arxentina, polo Australian Institute of Interpreters & Translators en Melbourne, polas universidades de Brasilia e Sao Paulo e pola Montclair University en Nova York a impartir este obradoiro os vindeiros outono e primavera.