DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Defenden a capacidade do cine e da televisión como dinamizadores do sector turístico

Un grupo de investigadores do campus de Ourense traballa nun modelo que permita atraer rodaxes a Galicia

A publicidade dunha película equivale a un anuncio visto por 72 millóns de espectadores

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Raquel Feijóo DUVI 14/07/2010

O cine contribúe a potenciar o turismo dunha determinada rexión ou país. Así o cren un grupo de investigadores da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense que están a estudar o mercado do turismo cinematográfico co obxectivo de propor un modelo de aproveitamento das rodaxes en Galicia para a promoción e xeración de imaxe turística. O equipo está coordinado polo profesor José Antonio Fraiz, que defende a capacidade dos medios audiovisuais como dinamizadores do sector turístico. “A publicidade que ofrece unha película a unha cidade, provincia ou país que lle serviu de escenario equivale a un anuncio visto por 72 millóns de espectadores”, asegura ao tempo que cita como exemplo a labor desenvolvida neste campo por cidades como Barcelona cuxa identidade se transmite en películas como Todo sobre mi madre, El perfume e La Barcelona de los Erasmus, entre outras. “Pero é que ademais ofrece uns resultados económicos moi importantes para o lugar”, continúa dicindo Fraiz, unha afirmación que exemplifica co dato real da película Alatriste que deixou tres millóns de euros en Andalucía e coa triloxía El señor de los anillos, que se proxectou en 10.000 pantallas de todo o mundo e que conseguiu 100 millóns de espectadores, “uns datos que repercutiron moi positivamente sobre o turismo de Nova Zelanda”, explica o investigador.

Resultados a finais do 2012

O equipo de investigadores que coordina Fraiz Brea está integrado polos profesores María Lorena Rodríguez, María Cruz del Río, Ana Pérez, Ángel Barajas e Trinidad Domínguez e o seu obxectivo é determinar cal é o mellor modelo a implantar en Galicia para atraer as rodaxes de películas e series de televisión e utilizalas para xerar a imaxe de destino desexada. O grupo buscará tamén as ferramentas necesarias para aproveitar o patrimonio cinematográfico do noso país tanto dende o punto de vista de produto cultural como de instrumento de proxección da imaxe turística. O proxecto conta cunha subvención de máis de 60.000 euros concedida pola Dirección Xeral de I+D da Xunta de Galicia e deberá estar rematado a finais do ano 2012.

Para levar adiante o traballo os investigadores seguirán unha metodoloxía de estudo científica e así o explica José Antonio Fraiz. “Primeiro traballaremos na elaboración dun marco teórico proporcionado pola revisión dos artigos e demais documentación recollida na literatura”. A realización de estudos cualitativos mediante entrevistas a expertos no tema, a análise das iniciativas postas en marcha por outros países e a análise de películas e series de televisión completan un programa que atopará un oco tamén para as películas e series que teñen que ver con Galicia.

Análise de películas e series de televisión

Unha parte importante da investigación vai consistir na análise de películas como A lingua das bolboretas, O lapis do carpinteiro, Lena, Trece badaladas, Sempre Xonxa , Pradolongo e Los girasoles ciegos, entre outras e nunha liña de traballo na que non podían faltar as series de televisión coa análise de produtos como Padre Casares, Mareas Vivas e tamén co estudo da repercusión que ten aparecer en series nacionais como é o caso de Hospital Central.

Os investigadores consideran que hai actividades de márketing que se poderían por en marcha antes e despois da estrea da longametraxe, como son avaliar o mérito dunha filmación en termos do seu valor promocional, animar ás estrelas de cine a difundir o lugar de rodaxe, patrocinar este tipo de iniciativas e planificar actividades para a promoción doutros produtos turísticos como a arte, a comida, a artesanía, a música e a moda. Por todo isto Fraiz Brea cre que é moi importante por en marcha unha proposta de tipo estratéxico entre os axentes dos sectores audiovisual e turístico para facilitar as rodaxes como ferramentas de promoción da imaxe do destino. Realizar unha proposta para determinar a imaxe que os destinos turísticos conseguen a través das longametraxes, deseñar un modelo de explotación do turismo cinematográfico en Galicia e crear e comercializar produtos turísticos cinematográficos son outros obxectivos do proxecto de investigación.

Asesorar aos profesionais do turismo

Co desenvolvemento deste traballo de investigación os seus promotores esperan non só contribuír ao avance do estudo do turismo cinematográfico no ámbito académico senón tamén que os seus resultados sirvan para asesorar aos distintos profesionais, dende as entidades públicas e privadas do sector “na creación, comercialización e promoción do destino” ata os guías turísticos “para que saiban como deben establecer as relacións cos membros dos equipos de rodaxe”, as Film Commission “para establecer as relacións coas diversas entidades do sector turístico” e os festivais de cine galegos “para que tomen conciencia da importancia do evento a nivel turístico”, explican.