DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Entrevista ao coordinador do I Curso de Educación Ambiental, Manuel Vidal

"Hai que actuar porque isto ten data de caducidade como un iogur"

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
María Boullosa DUVI 03/10/2007

Formar e concienciar sobre a problemática medioambiental, é o espírito co que hoxe botou a andar a primeira edición do Curso de Formación en Educación Ambiental, dirixido a desempregados e financiado pola Consellería de Traballo.
Ata o vindeiro 11 de novembro, 15 educadores titulados pola Universidade aprenderán as mellores metodoloxías para concienciar á cidadanía, especialmente, de cara aos máis pequenos, xa que eles serán os responsables do futuro.

 

Como xurdiu o curso?
É unha experiencia que comezamos este ano. A Xunta de Galicia leva moito tempo organizando cursos para desempregados financiados polo Fondo Social Europeo, e este ano a Universidade apostou por tentalo, xa que, quén mellor que ela para complementar a formación de todos os diplomados que orixina. Concretamente daqueles pertencentes ao colectivo de educadores: Maxisterio, Educación Social e Traballo Social, e Licenciados en Psicopedagoxía.

Cales son as características académicas?
En total comprende 200 horas, das que 115 son prácticas e 85 teóricas. Principalmente o eixe central será a problemática medioambiental que existe na actualidade, complementándoa con actividades prácticas. Por exemplo, se o tema é a contaminación da auga, asistirán a unha primeira parte teórica para logo deseñar actividades tendo en conta as características dos destinatarios. Un caso sería o de conseguir que os nenos de primaria teñan en conta o problema que existe coa auga e explicarlles cómo poden atallalo.

Que temas se van a abordar no seu transcurso?
Problemas de solo, biodiversidade, residuos, consumos de enerxía, contaminación atmosférica, deterioro do fondo mariño, deforestación... Algúns trataranse nunha soa xornada, e outros, os máis complexos, ao longo de varias sesións.

Como se desenvolven as clases?
Celebrámolas dende as 9:00 ás 14:00 horas. Depende un pouco do módulo, pero a idea é que traten un determinado problema en grupos, xa que un das grandes dificultades que teñen é o medo escénico de docente. Polo que, aparte de formalos en cuestións ambientais, interesa que eles perdan o medo a transmitir esa información.

Fálase moito do medio ambiente, pero a xente está realmente concienciada?
A miña opinión persoal é que as cousas van mudando co tempo, pero creo que existe carencia de coñecemento a nivel da poboación. Cada vez estamos máis preocupados... pero non vemos a causa-efecto directamente. Ao mellor podemos estar falando da choiva ácida e ver como o fume sae dunha central térmica, pero non vemos como todos eses contaminantes se depositan na leituga que imos comer despois. Se o ser humano tivese a capacidade de ver todo o que ocorre e o que orixina todo eso, probablemente a situación mudaría.

De seguir así, qué pasará no futuro?
Actualmente estamos máis concienciados á hora de separar o lixo, á hora de aforrar enerxía, pero hai que actuar porque esto ten fecha de caducidade como un iogur.
Lembro cando daba un curso similar hai dez anos e mostraba un vídeo dos problemas ambientais. A xente cría que iso en Europa non ocorría, só en África ou Asia... mentres que agora xa o estamos a ver todos os días nos medios, choivas torrenciais...
Coma non espeliamos, en trinta ou corenta anos, aquí vai pasar algo.

Dentro do programa existe un apartado de recursos, en que consiste?
Aparte do diferente material docente e bibliográfico, o curso persegue que os alumnos coñezan in situ as diferentes infraestructuras relacionadas coa educación ambiental. Para elo contemplamos diferentes visitas: ao Centro de Recuperación de Fauna do Xurés; á Aula das Corcerizas, onde traballan só con enerxías renovables; a Sogama para ver que se fai con toda o lixo que separamos; ou á Aula de Natureza de Oira co fin de coñecer como o concello divulga problemas ambientais.

Por último, que lles aportará aos alumnos este título?
Non significa que saian de aquí con traballo, pero creo que en todas esas infraestructuras que comentaba precisan educadores ambientais. O que está claro é que completa moitísimo a formación que teñen os destinatarios, e que abre novas portas de cara ao mercado laboral.