DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O seu espectáculo abriu a programación de teatro de rúa do cuadrimestre

Hiltoff, ou como unir rugby e salmonela para facer humor

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Romina Vázquez DUVI 27/10/2010
Hiltoff, gañador do Festiclown 2010, foi o encargado de inaugurar as sesións de teatro de rúa deste curso co espectáculo Radio Salmonela, un show que require a participación do público e que contén grandes doses de humor e alegría. A trama está centrada nun xogador de rugby que intenta recoller un ovo lanzado polos asistentes interaccionando así co público que se atopaba no Centro Comercial na hora do xantar.

A representación, caracterizada pola ausencia absoluta de malabares e xogos, conta cun final incrible, que sorprendeu gratamente ao público congregado para a ocasión en Cidade Universitaria. Con este espectáculo, o actor granadino leva tres anos percorrendo os escenarios de diversos países europeos, nos que acadou numerosos éxitos e colleitou varios premios.

As seguintes sesións de teatro de rúa terán lugar os vindeiros 17 e 24 de novembro, coas actuacións de Pablo Muñoz e Ce Orquestra Pantasma, respectivamente, ambas á hora do xantar no Centro Comercial.

Hiltoff, un todoterreo

Hilfoff suma na súa traxectoria profesional traballos de clown, bailarín de claqué, músico frustrado, deportista de elite, transportista, anticuario, exhibicionista, mimo pouco falador e paiaso, polo que se trata dun auténtico todoterreo do espectáculo e un "buscavidas". Na súa carreira, o único propósito é honrar os seus continuos e doces fracasos e convivir en armonía coas súas aficións.