DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os docentes Jesús de Juana e Julio Prada presentan o libro 'As mulleres en Galicia no século XX'

A historia contemporánea tamén se escribe en feminino plural

A obra pon de manifesto o papel do activismo feminino no eido público en diferentes épocas

Etiquetas
  • Ourense
Rosa Tedín DUVI 26/03/2012

A escasa atención que se lle prestou ao papel da muller na historia contemporánea de Galicia é unha cuestión que corresponde en parte a un feito obxectivo, como é o menor protagonismo feminino na esfera pública, pero tamén é froito dunha visión nesgada e incompleta da historia. Para botar luz sobre un século no que as mulleres tiveron un papel moito maior do recoñecido, os profesores do campus de Ourense Jesús de Juana e Julio Prada veñen de presentar o libro As mulleres en Galicia no século XX. Nel, un grupo de historiadores ofrece un achegamento á participación deste colectivo en momentos cruciais como o franquismo ou a transición.

O estudo foi presentado este luns coa participación, ademais dos seus dous directores, de María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Manuel Baltar, presidente da Deputación Provincial de Ourense, e Bieito Ledo, editor de Ir Indo. Os responsables das dúas institucións que colaboran na publicación salientaron a importancia de desenvolver iniciativas que, coma neste caso, contribúan ao recoñecemento social das mulleres galegas na historia, historia que estivo escrita maioritariamente por homes e desde un enfoque masculino.

Segundo explicaron Jesús de Juana e Julio Prada, As mulleres en Galicia no século XX é froito dun traballo de investigación estatal posto en marcha en 2004 na Facultade de Historia de Ourense titulado Represión, oposición, poder local e muller na Galicia franquista. Ao longo dos oito capítulos do libro, os directores da publicación, Carmen Benso, Rosa Mª Cid, Mª Victoria Martins, Ana Cebreiros e Mª Concepción Álvarez, amplían e/ou reinterpretan a historia contemporánea galega. Comezan cun achegamento ao activismo e ás conquistas femininas no primeiro terzo do século XX, continúan coa análise do seu papel no franquismo, nun e noutro bando, na resistencia e no nacional-sindicalismo, e rematan co seu papel na transición á democracia.

Mulleres de dereita e de esquerda pero activas

Neste detallado percorrido, os autores advertiron de que se racha coa “tradicional imaxe de que a muller non participou do devir do século XX”. Deste xeito, explicaron, durante a II República, coa dereita desorganizada, “son as mulleres as primeiras que sinalan a necesidades de organizarse para realizar un contrataque católico ás medidas laicistas republicanas. Son elas as que están na primeira liña da reorganización política da dereita e as que xogan un papel fundamental en todos os aspectos, desde ir falar co bispo ata dar mitins de reafirmación católica”, apuntou Julio Prada. Froito deste papel destacado da muller na dereita e no franquismo, Julio Prada sinala ao peso que chegaron a ter as chamadas Seccións Femininas.

Pola contra, advertiron en contra de tópicos, durante a II República os partidos de esquerdas “prestaban menos atención a esas mulleres progresistas e modernas” pois “desconfiaban delas por ter estado sometidas ao marido e á igrexa”. Esta desconfianza fíxose palpable no feito de que as organizacións equivalentes ás Seccións Femininas na esquerda non chegaron a ter a súa influencia. A pesar desta circunstancia, apuntaron os autores, as mulleres tamén tiveron un peso moi importante na resistencia antifranquista, nas guerrillas e tamén na transición á democracia, “pois cando aínda os comunistas non se atrevían a saír á rúa as mulleres fixérono para reivindicar os seus dereitos, co reparto de panfletos ou manifestacións o Día da Muller”.

“Este libro é o primeiro intento de introducir na nosa área, a contemporánea, a historia das mulleres en Galicia, unha etapa á que ata de agora parece que non se lle prestou especial atención”, salientou Jesús de Juana. Con este libro, destacaron os directores da iniciativa, quixeron rachar co feito de que ata o de agora cando se afonda en temas de xénero se fai considerando á muller como unha categoría separada. “Nós quixemos superar ese enfoque ofrecendo unha historia das mulleres en Galicia integrada coa historia no seu conxunto, pois non son cousas separadas”, advertiu Jesús de Juana.