DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con honores de heroes

A Universidade homenaxea aos xogadores do Iveco polo seu ascenso á División de Honra

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Anabel Vila DUVI 23/02/2011
A Universidade de Vigo recibiu aos seus heroes deportivos. Xa pasaron uns días dende que os xogadores do equipo que adestra David Monreal acadaran o ascenso á División de Honra e, despois de múltiples celebracións, o Iveco chegou á súa casa, á Universidade, para recibir os parabéns da institución que os acolle.

O reitor, Salustiano Mato, fixo de anfitrión nun acto no que recoñeceu “a proeza conseguida por un equipo que leva o rugby no sangue, no ADN”. Mato salientou, ademais, que “aínda que non estamos en tempos de bonanza económica si o estamos a nivel institucional e a Universidade vai traballar para apoiar ao deporte, a todos os clubes vinculados a nós, para conseguir unhas condicións folgadas coas que afrontar a próxima tempada”. O reitor, que recordou que na súa etapa de estudante probou co rubgy, “sen éxito, dixéronme que mellor me dedicase ao atletismo”, asegurou mostrarse “especialmente orgulloso das categorías inferiores. Temos claro que a implicación na actividade física nace na época estudantil”, sinalou. Por iso ofreceu todo o apoio da Universidade para a labor de canteira “dos mal chamados deportes minoritarios”.

Camisola do equipo para o reitor

Pola súa banda, Ramón González-Babé, presidente do Iveco, asegurou que “é para nos un orgullo levar o nome da Universidade, pero tamén unha responsabilidade”. O certo é que o vínculo refórzase cada ano un pouco máis xa que “temos moitos estudantes, xente que veu de fóra e matriculouse aquí, e incluso agora podemos presumir de que forma parte do equipo un profesor”, salientaba Babé, en referencia a Iñaki Román, un dos capitáns do equipo que imparte clases na Escola de Enxeñería Industrial. Como broche de ouro ao acto os adestradores David Monreal e Norm Maxwell fixéronlle entrega ao reitor dunha camisola do Iveco Universidade de Vigo.