DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase da principal organización internacional de óptica, dependente da ONU

Humberto Michinel, novo vicepresidente da International Commission for Optics

A institución conta con representación de máis de 50 países

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 02/09/2011
Como unha honra para el e como un recoñecemento para o traballo que se realiza en España no eido da óptica. Así vén de recibir o doutor da Universidade de Vigo Humberto Michinel o seu nomeamento como novo vicepresidente da International Commission for Optics (ICO), a principal organización internacional desta disciplina, dependente en última instancia da ONU. Entre outras funcións, desde o seu novo posto traballará na organización do próximo encontro mundial de óptica que terá lugar en Santiago de Compostela en 2014 e no comité de educación da ICO.

O nomeamento de Humberto Michinel tivo lugar o pasado 17 de agosto en Puebla (México), no marco do 22nd Congress of the International Commission for Optics e asemblea xeral da ICO. A delegación española presentou a Michinel como o seu candidato ao cargo e en votación de máis de 50 países representados nesta institución o profesor da Universidade de Vigo saíu elixido para ser un dos seus 6 vicepresidentes electos.

A partir do 30 de setembro e durante tres anos, Michinel ocupará este cargo da International Commission for Optics, entidade fundada en 1947 e afiliada á International Union of Pure and Applied Physics (IUPAP) que ten por obxectivo contribuír no escenario internacional ao progreso e á difusión do coñecemento no campo da óptica. O catedrático de Estados Unidos Duncan Moore é o seu novo presidente electo.

Ciencia para os máis desfavorecidos

“Para min é unha honra este nomeamento e o feito de que se realice por votación dos membros dos diferentes países representados na ICO”, salienta Humberto Michinel. Ademais do logro persoal e profesional que supón, o responsable do Laboratorio de Óptica da Universidade de Vigo sinala a relevancia da “presenza de científicos españois en cargos electos de organismos internacionais e a súa participación en proxectos de eido internacional”.

Entre os cometidos que terá Michinel neste posto está a organización do próximo encontro mundial de óptica e asemblea xeral da ICO, que terá lugar en Santiago de Compostela no ano 2014. Como profesor da Universidade de Vigo e como coordinador do Máster en Fotónica e Tecnoloxías do Láser das tres universidades galegas, salienta tamén a súa especial satisfacción por pasar a formar parte do comité de educación da International Commission for Optics. “No marco da vocación da ONU de estar presente e traballar alí onde a ciencia non está desenvolvida, o comité traballa para o fomento da carreira científica e o estudo da óptica en continentes como África, e especialmente en colectivos desfavorecidos como as mulleres”, apunta.