DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dun vídeo achega unha reflexión sobre a polémica acción publicitaria da marca Loewe

Con humor e ironía Pont-e amosa o que si está de moda

Alumnado de Publicidade e Relacións Públicas grava un vídeo viral para promocionar o grupo social

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijóo DUVI 22/03/2012

O grupo social Pont-e, formado por alumnado de último curso de Publicidade e Relacións Públicas e dirixido pola profesora Isabel Suárez, vén de publicar na rede un vídeo viral guionizado, rodado e montado por eles no que se reflexiona sobre a campaña publicitaria lanzada pola marca Loewe hai unha semana. A campaña, que ten ocasionado un importante balbordo nas redes sociais, amosa a un grupo de mozos e mozas explicando a súa relación coa firma e a súa particular visión de temas como o amor ou a mocidade. “Como profesionais e futuros profesionais da comunicación tentamos amosar, mediante unha peza audiovisual chea de humor e ironía, que o anunciante se equivocou na estratexia ademais de realizar unha acción que dea a coñecer a Pont-e entre os usuarios e usuarias da rede”, explican a profesora Suárez e a voceira Sofía Andreu.

Dende o grupo Pont-e queren deixar claro que este vídeo viral, lanzado na noite do mércores a través das principais redes sociais, non pretende ser “unha simple parodia” do anuncio orixinal “xa que dende a facultade achegamos unha crítica construtiva sobre unha acción publicitaria inadecuada que está creando un público refractario”, sinala Andreu. Segundo a opinión da docente Isabel Suárez, "Loewe equivocouse na elección do seu público obxectivo xa que o perfil do anuncio non se corresponde cos clientes da marca o que provoca unha perda de reputación entre os seus verdadeiros compradores”. Os defensores desta estratexia publicitaria refúxianse na repercusión mediática da campaña, pero ante este argumento a profesora Suárez pregúntase “a que prezo o conseguiron? Pois desprestixiando unha imaxe que lles levou anos e anos construír”.

Aprender practicando

A peza promocional de Pont-e, de máis de tres minutos de duración, inspírase na estética do anuncio de Loewe, recreando personaxes e situacións reflectidas no orixinal, “pero con pinceladas de humor e de ironía”, engade Andreu. Deste xeito, ademais de reflexionar sobre as accións comunicativas do momento, “os alumnos e alumnas tamén presentan un produto á sociedade no que fan imaxe de marca de Pont-e”, sinala Suárez xa que o vídeo describe os valores do grupo social “e o seu espírito de traballo”, coa finalidade de dalo a coñecer entre os usuarios e usuarias de internet. Pero a profesora Suárez quere ir máis alá e destaca que esta campaña sírvelles aos estudantes como experiencia profesional para vivir en primeira persoa como é a xestión da comunicación online, “aprendendo coa práctica”, destaca a alumna.

O resultado foi unha acción publicitaria “multimedia e multiplataforma” na que o alumnado non só se ocupou da planificación estratéxica a través de internet, senón que foi quen de “pensar unha idea, guionizala, rodala, montala e difundila”, aclara Suárez, polo que a práctica adquire “un valor multidisciplinar difícil de superar” e que esixe do alumnado “moita implicación e dedicación”, engade Andreu. Dende que o estudantado colgou o vídeo este mércores pola noite, xa recibiu máis de 2000 visitas en menos de 10 horas.