DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras superar as probas finais no Space Research and Technology Centree da ESA en Holanda

O HumSAT-D comeza a súa particular conta atrás

Validará a viabilidade do proxecto que comprende unha constelación de satélites, sensores e estación

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 03/04/2013
Foron dúas semanas de probas pero o HumSAT-D xa ten o visto bo da Axencia Espacial Europea e comeza xa a conta atrás para o seu lanzamento, nos vindeiros meses dende Rusia. O profesor Fernando Aguado, responsable do proxecto, xunto cos alumnos Alberto González e Jacob López, Diego Nodar e Daniel Docal regresaron de Noordwijk, en Holanda, hai menos dunha semana coa satisfacción do traballo ben feito, dos esforzos de moitos meses dedicados ao desenvolvemento deste novo satélite vigués, cuxos estándares de calidade vén de acreditar a ESA.

O satélite demostrador vigués ten un peso de 850 gramos e percorrerá unha órbita circular a unha altura constante de preto de 600 quilómetros. A súa finalidade é validar a viabilidade do proxecto HumSAT, xa que permitirá probar a tecnoloxía que se empregará para a posterior posta en marcha dunha constelación máis completa de satélites, sensores e estacións de terra.

Segundo explica o investigador Fernando Aguado, nestas dúas semanas de probas, o HumSAT-D respondeu como es esperaba e pasou os catro ciclos de frío e de calor na cámara de termo-vacío do European Space Research and Technology Centree, nos que se comproba a resposta do satélite a temperaturas de entre +45º e -20º en vacío. O satélite demostrador vigués será posto en órbita polo foguete Dnepr, que se lanzará dende Rusia nos vindeiros meses, entre finais de maio e xuño, aínda que a data está suxeita a posibles retrasos que poden ser de varios meses provocados por factores externos.

As derradeiras probas

A finalidade das probas ás que foi sometido o HumSAT-D é emular as diversas situacións que se poden dar durante a misión en ausencia de vacío e acadando os valores máis extremos tanto de frío coma de calor. Segundo Aguado, o satélite “respondeu ás nosas expectativas e comprobouse que responde correctamente a situacións extremas”. Os ciclos repetíronse catro veces nestas semanas para comprobar tamén que non houbese dilatacións ou contraccións nin modificacións algunha entre os ciclos. Os resultados foron así positivos tanto dende o punto de vista da plataforma (ordenador de abordo, sistemas de comunicacións, etc) como no tocante aos sistemas de recepción dos sensores HumSAT, é dicir, a carga útil. Así, a caracterización completa do satélite foi positiva e o equipo de enxeñeiros vigueses queda agora á espera dunha data para ser ensamblado en Roma no UniSat5, un satélite Universidade La Sapienza, no que compartirá viaxe con outros moitos dispositivos como o DubaiSat 2, STSAT 3, SkySat 1, WNISAT 1, BRITE-PL, AprizeSat 7, Delfi n3Xt, Paloma 4, 1 Triton, etc.

A constelación Humsat

A futura constelación HumSAT comprenderá sensores, estacións terrestres e nove satélites que serán enviados ao espazo en, polo menos, tres lanzamentos distintos para estar en órbitas complementarias e cubrir así durante o maior tempo posible a maior superficie posible da Terra, diminuíndo o tempo sen cobertura en calquera emprazamento do planeta. Estes satélites, unha evolución do HumSAT-D, serán “satélites de comunicacións de baixa órbita que serven para recoller datos de sensores de baixa potencia e custe, uns 10 euros, que estarán localizados por todo o globo terráqueo e que servirán para recoller datos como polución, etc… que, a través dunha constelación de satélites, permite ter unha rede mundial de seguimento a baixo prezo”, segundo explica Fernando Aguado, coordinador do proxecto aeroespacial vigués. Entre outras utilidades, permitirán monitorizar parámetros para estudar o cambio climático en zonas sen infraestruturas de telecomunicación ou eléctricas, así como a transmisións de información urxente en situacións de emerxencia. Con todo, o HumSAT-D, que terá unha vida útil de dous anos, xa permitirá facer unha proba completa do sistema, recollendo datos e verificando o funcionamento da constelación antes de que o resto dos satélites sexan postos en órbita no futuro, xa que se trata dun sistema escalable que, a medida que aumente o número de satélites, irá permitindo optimizar o seu rendemento.