DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Fernando Aguado e un grupo de alumnos atópanse en Holanda realizando as probas

O HumSAT-D pasa o seu último test

De superar os exames, será validado para o lanzamento, previsiblemente, no mes de maio dende Rusia

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 19/03/2013
É o derradeiro paso, e semella que vai vento en popa. O HumSAT-D vai aprobando os sucesivos test aos que está sendo sometido no European Space Research and Technology Centree, centro que a Axencia Espacial Europea ten en Noordwijk, Holanda, e que o validarían definitivamente para ser enviado ao espazo previsiblemente o no mes de maio e dende Rusia. O profesor Fernando Aguado, responsable do proxecto, xunto cos alumnos Alberto González e Jacob López, Diego Nodar e Daniel Docal atópanse dende a semana pasada nas instalacións da ESA para realizar as probas finais de clasificación de voo, que se centran en test de termo-vacío, sometendo o satélite tanto a altas como a baixas temperaturas para comprobar o seu rendemento e resistencia. Ata o momento os resultados están por riba mesmo do esperado. Os investigadores regresarán a Vigo na Semana Santa e, se non hai cambio de última hora, co visto bo da ESA baixo o brazo.

O satélite vigués pertence á constelación HumSAT, da que forman parte satélites, sensores e estacións de terra, e será posto en órbita polo foguete Dnepr dende Rusia xunto con outros oito satélites que serán enviados en tres lanzamentos distintos para estar en órbitas complementarias para cubrir o maior tempo e superficie posible da Terra. O HumSAT-D “é un satélite de comunicacións de baixa órbita que serve para recoller datos de sensores de baixa potencia e custe, uns 10 euros, que están localizados por todo o globo terráqueo e que servirán para recoller datos como polución, etc… que, a través dunha constelación de satélites, permite ter unha rede mundial de seguimento a baixo prezo”, segundo explicaba Fernando Aguado, coordinador do proxecto aeroespacial vigués. Entre outras utilidades, permitirán monitorizar parámetros para estudar o cambio climático en zonas sen infraestruturas de telecomunicación ou eléctricas, así como a transmisións de información urxente en situacións de emerxencia. O resentante vigés nesta constelación ten un peso de 850 gramos e percorrerá unha órbita circular a unha altura constante de preto de 700 quilómetros.

Resultado definitivo a vindeira semana

Segundo explica Fernando Aguado, o pasado venres montaron o satélite na cámara de termo-vacío do European Space Research and Technology Centree e nela deberá superar catreo ciclos de dous días cada un. “O HumSAT ten que superar nestas dúas semanas catro ciclos, tanto de frío como de calor”, apunta Aguado, someténdoo a temperaturas de entre +45º e -20º para comprobar o seu funcionamento. Aínda que precavido, recoñece que os resultados preliminares están a ser positivos, aínda que ata finais da vindeira semana non se terá o informe definitivo da ESA.

HumSAT, solidario e cooperativo

Concibido no ano 2008 froito do traballo conxunto dos enxeñeiros e profesores das universidades de Vigo e Cal Poly, respectivamente, Fernando Aguado e Jordi Puig-Suari, a constelación Humsat naceu cun marcado carácter de cooperación internacional e orientada ao desenvolvemento das capacidades no sector espacial, sobre todo en países emerxentes. Os satélites integrados no proxecto, ao pasar por riba dos sensores recollerán datos que permitirán estudar o cambio climático en zonas sen infraestruturas de telecomunicación ou eléctricas, así como a transmisións de información urxente en situacións de emerxencia e a través das estacións terreas da rede mundial GENSO, empregando unha banda de radio UHF, descargarán e porán en internet esta información a disposición do usuario final. O proxecto se iniciará con nove satélites construídos por universidades europeas e americanas e poderase ir ampliando coa adición de satélites, sensores e estacións terreas a medida que sexa preciso. Asequible, solidario, escalable e cooperativo, con estas peculiaridades este proxecto permitirá abrir un novo segmento no mercado espacial e axudará a Galicia e a Vigo a posicionarse no mesmo.