DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Lorena Macía analizou na súa tese de doutoramento o impacto destes factores

Idade, centro, provincia e xénero inflúen no sentido da vida das e dos adolescentes galegos

O alumnado de 12 anos amosa mellores resultados que o de 16

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 02/02/2018

O sentido da vida refírese “á cuestión filosófica sobre o obxectivo e o significado da existencia, mudando dunha persoa a persoa e incluso dun momento a outro”. Na súa tese de doutoramento, Lorena Macía analizou este concepto no caso concreto das e dos adolescentes galegos co obxectivo de contribuír a coñecer o seu impacto no rendemento académico e social deste colectivo. No seu estudo identificou como a idade, o xénero, o centro de estudos, a provincia, o curso, o rendemento académico e a convivencia familiar si inflúen no sentido da vida dos mozos e mozas. 

A tese foi presentada na Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense baixo a dirección de José Domínguez e Antonio López. A investigación, indica a súa autora, xorde co propósito de coñecer en profundidade as actitudes que os mozos e mozas de Educación Secundaria Obrigatoria de Galicia teñen en relación aos construtos do sentido da vida, afrontamento e intelixencia emocional e avaliar a súa previsibilidade en relación a variables socioeducativas. Con este obxectivo fixo unha serie de cuestionarios a unha mostra representativa de 1023 estudantes das catro provincias galegas no curso 2014/15.

“O crecente interese pola intelixencia emocional e a influencia desta no rendemento académico e social; a evolución e cambios nas relacións sociais producidas polas novas tecnoloxías da información e comunicación e a preocupación xeral por vivir unha vida carente de sentido crean a necesidade de realizar un estudo arredor destes construtos dentro da poboación educativa galega”, sinala Macía Couto. Respecto á importancia de levar a cabo este estudo, a egresada en Educación Primaria subliña como “coñecer o seu sentido de vida permite axudar a comprender parte das causas do abandono escolar” e como “coñecer os estilos de afrontamento que utilizan para resolver os problemas do día a día é necesario para ensinarlles estratexias eficaces que reduzan neles o estrés”. Ademais, engade, o nivel de intelixencia emocional, a capacidade de recoñecer sentimentos propios e alleos e a habilidade para manexalos, é moi importante para ter relacións sociais saudables e autocoñecerse.

Sentido da vida

Sobre os resultados obtidos, a investigadora destaca como “coa análise realizada nesta investigación pódese concluír que os alumnos que teñen unha idade de 12 anos, os de primeiro curso, posúen maior sentido de vida que os alumnos de 16 anos, sendo estes os alumnos con menor sentido da vida, concluíndo así, que a idade é preditora do sentido da vida nos estudantes de Educación Secundaria Obrigatoria de Galicia”. A variable xénero, engade, tamén inflúe nalgunha das compoñentes que forman o sentido da vida, atopando por exemplo maiores puntuacións significativas para as mulleres no factor de metas e responsabilidades.

Sobre as demais variables analizadas, Lorena Macía sinala que “o tipo de centro resultou significativo para todos os factores do sentido da vida, obtendo máis sentido da vida o alumnado de centros privados”. A variable provincia, engade, “é reveladora do sentido da vida de forma xeral, sendo a provincia de Lugo a que obtén máis sentido de vida”. Ademais, sinala, o rendemento académico “inflúe de forma global na presenza do sentido da vida no alumnado, xa que aqueles que aproban conseguen maior sentido”. En canto á estrutura familiar o estudo recolle que tamén inflúe de maneira global neste concepto, “obtendo máis puntuacións aqueles que conviven con dous proxenitores”.

Intelixencia emocional

No apartado da intelixencia emocional, a tese aborda as variables que mostraron ser significativas para cada unha das súas compoñentes. Así por exemplo identificáronse como significativas no factor de comprensión emocional a idade, o xénero, o curso e a estrutura familiar e no factor de regulación emocional a idade, o curso e a estrutura familiar. A influenza da idade no concepto global da intelixencia emocional, sinala a investigadora, “non queda verificada” e a influenza do xénero “non predí a intelixencia emocional a nivel global”, aínda que obteñen altas puntuacións as mulleres en percepción e os homes en comprensión e regulación”. O centro, subliña a xa doutora, “non predí a intelixencia emocional para ningún factor”. Ademais, engade, que dentro das provincias galegas destaca a de Lugo como provincia cuxo alumnado presenta máis percepción emocional. Para a variable estutura familiar, puntualiza, é o alumnado pertencente a unha familia biparental o que amosa maior comprensión e regulación emocional. O rendemento académico non se mostrou significativo como prognosticador desta variable segundo recolle a tese de Lorena Macía.