DUVI

Diario da Universidade de Vigo

II Xornadas sobre Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética

Ideas para non pechar ningunha porta no mundo laboral

Esta nova edición fará especial fincapé na creación dunha empresa propia como alternativa ao acabar

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Noemí Rey DUVI 21/10/2011

Pór a disposición dos futuros enxeñeiros o abano máis amplo posible de saídas laborais, sen esquecer que montar unha empresa propia, só ou acompañado, é unha alternativa tan válida como outra calquera como primeira experiencia laboral. Ese é un dos obxectivos principais das II Xornadas sobre enerxías renovables e eficiencia enerxética que a asociación xuvenil Engranaxe organiza entre os vindeiros 24 e 27 de outubro na Escola de Enxeñería Industrial no campus. “Non pensamos no emprendemento porque temos o hábito de acabar a carreira, facer prácticas e atopar unha empresa na que traballar. Todo porque non se vende a idea de que os teus coñecementos, incluídos os extra académicos, poden servir para crear o teu propio negocio”, explica Manuel Silveira, presidente da entidade.

Para animar ao estudantado, fomentar o seu espírito emprendedor e debuxar un mapa que o axude a encamiñar o seu desembarco na vida profesional, as xornadas contarán cunha mesa redonda sobre Emprendemento e outras saídas laborais, na que durante hora e media dous emprendedores explicarán a súa experiencia e outros dous representantes da Universidade de Vigo e de BIC Galicia comentarán as distintas opcións coas que contan para axudar aos que queiran estrearse no mundo dos negocios. “É factible crear unha empresa tanto aquí como fóra de España, exportando a países emerxentes unha idea que aquí pode estar saturada”, recorda Silveira. O ano pasado 500 estudantes das diferentes ramas da enxeñaría participaron nas xornadas de xeito directo.

Estreitando lazos

Nesta ocasión a organización quixo priorizar o achegamento entre alumnado e o mundo empresarial, “porque temos poucas ocasións de ter un contacto tan directo coas empresas e un coñecemento máis práctico e útil do que estamos a estudar. Ao alumnado axúdalle a quitar medos e ás entidades a interactuar con xente que pode acabar na súa plantilla e a coñecer o mercado de futuros traballadores”. Por iso, este ano docentes e investigadores deixarán paso a representantes de empresas como Logitek, ABB, OCV, Larpro Engineering, Rockwell, Saraitsa, Siemens ou Bluemobility, que en 13 relatorios falarán dende a xeración de enerxías renovables ata o emprego das ferramentas para a súa xestión, os novos transportes ou a aplicación de enerxías limpas a infraestruturas públicas, onde conflúe o aforro medioambiental e de cartos nas arcas públicas.

Como complemento, durante estes días os participantes poderán gozar de visitas guiadas á aula técnica de enerxías renovables do Máster de Enerxía e Sustentabilidade e tres exposicións sobre o coche eléctrico, híbrido e os puntos de recarga que traerán Bluemobility, PSA Peugeot-Citroën e Toyota. E, como para mostra un botón, o Grupo Saraitsa levará un xerador solar e un forno que funciona con biomasa e a organización Os Picos do Sol traerán “curiosidades” como cafeteiras ou cociñas solares cos que se experimentará se a climatoloxía o permite. As conferencias poderán verse uns días despois na web de uvigo.tv.

Dous anos de traballo

As xornadas están organizadas por Engranaxe, unha asociación que naceu fai apenas dous anos con 150 socios, a maioría estudantes de Enxeñería Industrial, co obxectivo de crear un vínculo permanente entre máis de 4500 enxeñeiros e estudantes e o mundo empresarial. Unha organización que en conxunto que permitirá preparar actividades profesionais e lúdicas ás que o alumnado lle poida sacar proveito.