DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Realizouse xa unha campaña de mostraxe na ría de Vigo a bordo da embarcación Inndaga

IEO e grupo Geoma estudan o impacto das actividades humanas nos sedimentos da costa atlántica española

Analizarán microplásticos, contaminantes e outras variantes desde hai 12.000 anos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI 31/05/2021

O Instituto Español de Oceanografía e o grupo de investigación Geoma do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo están a colaborar na posta en marcha do proxecto de investigación Antropimar, un estudo coordinado polo IEO que permitirá analizar o impacto ambiental histórico das actividades humanas, desde presenza de microplásticos ata todo tipo de contaminantes, ao longo dos estuarios e plataforma da costa norte da península ibérica. O equipo de científicos e científicas implicadas no proxecto tratarán tamén de definir no rexistro xeolóxico o período definido como Antropoceno, un termo xeolóxico recente co que se trata de definir o intervalo xeolóxico actual, que comezou hai 12.000 anos e que está marcado polo significativo impacto global que as actividades humanas tiveron sobre os ecosistemas.

“Trátase de buscar indicadores que nos marquen o inicio desta era xeolóxica”, explica a investigadora da Universidade de Vigo Ana Bernabeu, ao que engade que o principal labor do grupo Geoma será levar a cabo a análise das testemuñas de sedimento que se van recoller ao longo de toda a costa que vai desde o Miño ata o golfo de Biscaia. “Imos facer estudos de sedimentoloxía, paleomagnetismo… para dar a base de información coa que logo se vai traballar”, indica a investigadora da UVigo, ao que Lucía Viñas, do Centro Oceanográfico de Vigo, engade que "servirá para evidenciar a pegada do Antropoceno en sedimentos costeiros da costa atlántica española. Noutras palabras, como o impacto humano modificou ata tal punto as condicións que se pode falar dun período xeolóxico diferente."

Primeiras mostraxes na enseada de San Simón e no submareal da ría 

Este proxecto comezou en 2019 pero viuse freado pola pandemia da covid-19, que impediu o desenvolvemento das mostraxes iniciais. Agora, unha vez retomada a actividade habitual, a semana pasada levouse a cabo, de forma simultánea, unha campaña de mostraxe na zona intermareal da enseada de San Simón e a outra da zona submareal da ría de Vigo, ambas a bordo da embarcación Inndaga, pertencente á Universidade de Vigo.

A mostraxe centrouse en tomar testemuñas de sedimento que permitirán avaliar diferentes parámetros: microplásticos, contaminantes orgánicos e inorgánicos, caracterización sedimentolóxica, foraminíferos, pole, metais, isótopos radioactivos, para identificar signos das presións humanas. Nestas campañas participan investigadores dos diversos socios do proxecto, o que facilitará realizar a primeira reunión presencial do equipo de traballo, xa que as restricións debido á pandemia permitiran unicamente realizar reunións de traballo virtuais.

O proxecto Antropimar Registro sedimentario del antropoceno en el área marina de la zona Ibérica Noratlántica, é un subproxecto coordinado polo IEO no marco do proxecto Registro sedimentario antropoceno en las zonas costera y marina del norte de Iberia atlántica, Antropicosta-2, dirixido pola Universidad del País Vasco, co investigador Alejandro Cearreta como investigador principal, e financiado pola Agencia Estatal de Investigación do Ministerio de Ciencia e Innovación.