DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Está asinado tamén por científicos de CSIC, U. de Southampton e Eawag

O IG Nobel de Física para un estudo sobre a bioturbulencia no que participaron investigadores do CIM

Os galardóns distinguen logros científicos serios pero curiosos que “primeiro fan rir e logo pensar"

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
  • Premios
  • Investigación
DUVI 15/09/2023

En abril de 2022 a revista Nature Geoscience publicaba un estudo internacional que recollía un achado científico descuberto de forma fortuíta: a bioturbulencia que xeran os peixes pode axudar á mestura e distribución de nutrientes nas augas costeiras. Este descubrimento realizouse no marco do proxecto Remedios, no que un equipo internacional do que forman parte investigadores do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, buscaba comprender como afecta a turbulencia, neste caso a xerada pola actividade sexual dos peixes, á vida mariña. Agora o seu estudo acaba de recibir un dos dez premios IG Nobel, en concreto o da categoría de Física. Estes galardóns, que naceron inicialmente como unha parodia dos Nobel, seleccionan anualmente traballos serios e rigorosos pero tamén extravagantes, curiosos e inusuais publicados en todo o mundo que “primeiro fagan rir á xente e despois fagan pensar”. 

Os galardóns foron anunciados esta pasada noite nun acto en liña no que participaron varios científicos e científicas que recibiron os verdadeiros premios Nobel en edicións anteriores. De feito, o encargado de anunciar o premio para o estudo no que participa o CIM foi Wolfgang Ketterle, premio Nobel de Física en 2001. Posteriormente, haberá dúas galas presenciais en outubro e novembro no museo do MIT, Massachusetts Institute of Technology e no Imperial College de Londres.

Ciencia que fai rir e fai pensar

O equipo científico está composto por persoal do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC), o Instituto Español de Oceanografía (IEO, CSIC), a Universidade de Southampton e o Swiss Federal Institute of Aquatic Science and Technology. A investigadora principal do proxecto Remedios é Beatriz Mouriño, do CIM-UVigo, que destaca que “todo o equipo está moi contento, porque o galardón débese a que o estudo xera un interese máis aló da comunidade científica especializada” e considera que é “unha oportunidade marabillosa para difundilo máis e para que teña máis alcance”. A científica recoñece que aínda que no seu inicio estes premios eran controvertidos, foron evolucionando e hoxe en día teñen un gran recoñecemento como unha ferramenta de comunicación científica e, de feito, o ano pasado recibiron un premio dunha institución austríaca polo seu labor a prol da comunicación científica”. Ademais, lembra, estes premios contan co apoio de institucións como Harvard, o MIT ou o Imperial College e son entregados por premios Nobel, dándose o caso de investigadores que, despois de ter sido distinguidos co IG Nobel, anos máis tarde acabaron gañando o Nobel na súa disciplina. Para Mouriño, o feito de apelar á risa e ao humor é unha estratexia moi acertada para achegar a ciencia á cidadanía, á sociedade en xeral”. 

Dende o resto de institucións implicadas comparten esta lectura do galardón, como explica Miguel Gil Coto, investigador do IIM-CSIC, que se amosa “contento de que a nosa investigación contribúa á idea de que a ciencia que producimos, dende a rigorosidade e a responsabilidade, pode xerar ao mesmo tempo sentimentos como a ledicia e a curiosidade". Ademais, resaltan que o traballo é froito da colaboración entre equipos e dun enfoque multidisciplinar, pero “ten unha compoñente detectivesca”, como engaden Marian Peña e Enrique Nogueira, do IEO.

O estudo premiado demostra que os peixes contribúen á produción de turbulencia e mestura oceánica nas rexións costeiras, polo que o papel que xogan na distribución de calor, nutrientes e osíxeno é máis importante do que se pensaba. A relevancia deste artigo radica en que ata agora, a comunidade científica tiña consideraba que os ventos e as mareas eran os que subministraban a maior parte da enerxía que impulsa a mestura das diferentes capas que forman os océanos, pero non se tiña podido demostrar a contribución dos organismos nadadores a este fenómeno. É dicir, esta é a primeira evidencia obtida a partir de medicións in situ dunha mestura oceánica impulsada bioloxicamente, o que se coñece como bioturbulencia, un fenómeno que leva fascinando á comunidade científica durante décadas.

Os traballo, ademais de ter sido publicado por Nature Geoscience e recollido por numerosos medios de comunicación, foi recollido nunha pílula divulgativa dispoñible en inglés e en galego. 

Un descubrimento, por casualidade

Este avance científico, explican os investigadores, realizouse de forma “totalmente fortuíta” no marco do proxecto Remedios, que tiña como obxectivo estudar como afecta a turbulencia á vida mariña. Pero a casualidade fixo que acabaran “demostrando que a vida mariña pode influír na turbulencia oceánica, que á súa vez inflúe na vida mariña!”.

O equipo estaba realizando traballo de campo en augas da ría de Pontevedra, concretamente na enseada de Bueu, a bordo do BIO Ramón Margalef no verán de 2018. Mouriño lembra que todo comezou cando observaron que cada noite se incrementaba a turbulencia na auga. Empregando un perfilador de microestruturas constataron que “dende o anoitecer ata o amencer, as medidas indicaban que, baixo os nosos pés, desde uns 10 a 30 metros de profundidade, se estaba a producir unha turbulencia moi intensa, comparable á que pode xerar unha tormenta sobre a superficie do océano”. Utilizando a información acústica da ecosonda montada no casco do barco e as mostras recollidas con redes, o equipo de investigación puido atribuír esta turbulencia á presenza de cardumes que se concentraban pola noite na zona. De feito, as redes estaban cheas de ovos de bocarte ou anchoa europea, Engraulis encrascicolus, o que evidencia que o sinal corresponde a agregacións de desova deste peixe que, co seu comportamento frenético, xera a bioturbulencia. 

Así, este estudo revela que aínda que a mestura biolóxica pode non ser moi importante no océano aberto, si pode ser significativa nos ecosistemas costeiros, onde unha elevada produción biolóxica coexiste con cambios verticais rápidos nas propiedades do océano. Esta mestura vertical creada polos bancos de peixes podería afectar á redistribución da temperatura, nutrientes e gases disoltos, como o osíxeno, que xogan un papel fundamental no funcionamento do ecosistema do que dependen os propios peixes. Polo tanto, os achados destacan a capacidade dos organismos vivos para influír e remodelar o medio físico onde viven.

O artigo está asinado por Bieito Fernández Castro, de Universidade de Southampton, como primeiro autor, xunto cos investigadores do Grupo de Oceanografía Biolóxica do CIM-UVigo Beatriz Mouriño, Esperanza Broullón e Antonio Comesaña; Marian Peña, do Centro Oceanográfico de Baleares (IEO, CSIC); Enrique Nogueira, do Centro Oceanográfico de Vigo (IEO, CSIC); Miguel Gil Coto, do Departamento de Oceanografía do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC); Damien Bouffard, do Swiss Federal Institute of Aquatic Science and Technology e Alberto C. Naveira, da Universidade de Southampton.