DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Arrancarán a vindeira semana en Vigo e prolongaranse ao longo de todo 2018

Igualdade organiza preto dunha vintena de actividades docentes con perspectiva de xénero nos tres campus

As temáticas son diversas: ventres de alugueiro, violacións, muller e rendemento deportivo...

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 15/02/2018

“Este ano propuxéronse actividades de moita actualidade e de gran calado social como a cultura da violación na nosa sociedade e os ventres de alugueiro, debates que é imprescindible ter nunha universidade pública como a nosa pola responsabilidade que ten na transmisión de valores igualitarios”, explica a directora da Unidade de Igualdade, Anabel González Penín, quen valorou moi positivamente que as actividades programadas, financiadas con algo máis de 18.000 euros, abren vías de análise que, ata o de agora, non se trataran como a perspectiva de xénero no Dereito Tributario e Financeiro e a actuacións dos operadores xurídicos. Aínda así, segue botando en falla que dende o ámbito científico-tecnolóxico tamén se fagan propostas. “É unha mágoa porque este alumnado recibe escasísima formación en xénero e feminismo e isto dificulta a súa capacitación profesional”, recalca a directora.

En Vigo as actividades concéntranse en Filoloxía e Tradución e CC Xurídicas e do Traballo

As actividades arrancarán no campus de Vigo a próxima semana. Será na Facultade de Filoloxía e Tradución o martes 20 co Workshop Transdisciplinary Approaches to Affect Theory, un obradoiro de dúas horas impartido en inglés pola profesora noruega Libe García Zarranz e no que a experta fará unha introdución ás teorías dos afectos dende perspectivas interdisciplinares feministas, queer, trans, antiracistas e decoloniais... Seguiralle, o martes 27, a mesa redonda Os ventres de alugueiro: mercantilzación neoliberal do corpo das mulleres, na que intervirán a profesora de Dereito Constitucional Mar Esquembre; a xornalista e deputada do Bloque Nacionalista Galego no Parlamento galego, Olalla Rodil, e o sociólogo e activista LGBT Ángel Amaro, que tratarán de achegar unha visión feminista sobre esta controvertida cuestión.

No caso do campus de Vigo o conxunto de actividades vanse levar a cabo, precisamente, nas facultades de Filoloxía e Tradución e Ciencias Xurídicas e do Traballo. No caso da FFT haberá, ademais dos obradoiros xa mencionados, diferentes conferencias e talleres que traerán ao campus expertas (investigadoras de xénero, tradutoras, editoras...) chegadas de diferentes territorios e que falarán sobre múltiples temáticas: feminismo, tradución, migración, fronteiras étnicas, estereotipos culturais e mitolóxicos...

Na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo celebraranse cinco xornadas, dúas delas desenvolvidas de xeito conxunto coa Facultade de Dereito do campus de Ourense (Muller e traballo na era dixital e Feminismo e Teoría do Dereito). A primeira será o vindeiro mes de marzo e nela analizarase a imaxe da muller na publicidade, achegando diferentes criterios para valorar a legalidade dos anuncios e tamén os principais mecanismos de reclamación para actuar fronte a unha publicidade ilícita.

Muller, creatividade, educación e deporte no campus de Pontevedra

A creatividade, nas súas múltiples versións, a educación e o deporte, son os eixes sobre os que se vertebran as actividades programadas no campus de Pontevedra. Hai propostas novas como Falan ASpublicistAS, dirixida a visibilizar a situación laboral da muller na industria publicitaria a través das profesionais do sector, ou Xénero, feminismo e creación visual, sobre posibilidades formativas na imaxe contemporánea. A elas súmanse outras opcións xa consolidadas como o ciclo de conferencias Unha mirada de xénero, ou as xornadas Identidades creativas e Mulleres e rendemento deportivo.

En Ourense tratarase o caso paradigmático da “manada”

No campus de Ourense as actividades arrancarán o vindeiro 6 de marzo coa Xornada A cultura da violación na nosa sociedade: a “manada” como caso paradigmático. Será na sala multiusos da Facultade de Ciencias da Educación e está previsto que participen Graciela Atenco, de Feminicidio.net; Mónica Alario, filósofa da Universidad Rey Juan Carlos; Beatriz Ranea, socióloga da Universidad Complutense de Madrid e a blogueira Twanda Rebelds.
No caso da Facultade de Dereito haberá os talleres Muller e traballo na era dixital, sobre conciliación da vida familiar e laboral nun contexto de traballo dixitalizado, e Feminismo e Teoría do Dereito, unha reflexión crítica sobre a forma en que certas formas de facer teoría xurídica naturalizan certas situacións de desigualdade.