DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O 1 de abril o campus converterase nun circuíto automobilístico de 1º nivel

O II Slalom da Universidade de Vigo acada o máximo nivel da Federación Galega de Automobilismo

Os organizadores quentaron motores este venres coa celebración dunha mesa redonda

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 23/03/2012
Unha mesa redonda con pilotos e enxeñeiros serviu este venres para ir ‘quentando motores’ do que será o II Slalom Universidade de Vigo, unha proba que o próximo domingo 1 de abril volverá converter o campus nun circuíto automobilístico. A cita, a xuízo dos organizadores, promete ser moito máis espectacular ca do ano pasado, na que competiron 17 pilotos, xa que a Federación Galega de Automobilismo elevou o seu coeficiente a 8, o máximo desta competición.

Organizada por alumnado das escolas de Enxeñería Industrial e de Enxeñaría de Telecomunicación, a mesa redonda serviu de presentación da proba, que nesta segunda edición contará con varias sorpresas, entre elas, un cambio de trazado, “as demais haberá que esperar ao propio domingo para coñecelas”, salienta Samuel Martínez, un dos organizadores, quen admite que, pese á crise, “imos conseguir que a proba sexa máis incrible ca do ano pasado”.

Na mesa redonda os asistentes puideron comprobar de preto como funciona unha escudaría de competición por dentro, como enfrontan a crise económica e como lles afecta a cada un na competición. Ademais, tivo tamén especial protagonismo a escudaría Enxes , unha iniciativa que comezou a argallarse en 2009 cando alumnos da materia de automóbiles da especialidade de Mecánica de Enxeñería Industrial, impartida polo profesor Carlos Casqueiro, descobren que na propia Escola de Enxeñería Industrial existen grupos de investigación e proxectos relacionados cos deportes de motor.

Con este tipo de iniciativa a idea é axudar aos futuros enxeñeiros a darlles a oportunidade de coñecer a vertente deportiva do mundo do motor e que “así comecen a ter un primeiro contacto co que pode ser o seu mundo laboral”, apuntan desde a organización.

Programa da proba

A proba comezará o próximo 1 de abril coa presentación dos pilotos no parque pechado ás 11.00 horas, para ás 12.00 h iniciar os adestramentos. Despois de toda a mañá recoñecendo o circuíto, que nesta ocasión acada a cifra de 1,3 quilómetros, a competición dará o pistoletazo de saída ás 15.30 con dúas mangas oficiais. A entrega de premios celebrarase ás 20.30 horas no Teatro Vidal Bolaño da Cidade Universitaria.

Para que todo isto sexa posible desde a organización agradecen a colaboración de cantos máis voluntarios mellor, sobre todo das escolas de enxeñaría Industrial e Telecomunicación. As persoas interesadas en participar poden inscribirse na web de Enxes Motor, onde tamén atoparán o resto de información sobre o slalom.