DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O estudante Eduardo Rodríguez gañou o 1º premio coa obra ‘A barra de pan’

O III Microconcurso da Biblioteca da EE de Telecomunicación xa ten gañador

O xurado tamén recoñeceu os traballos das alumnas Sara Berezo e María Losada

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
DUVI 03/07/2018

Buscábanse pezas teatrais na súa versión máis ‘micro’, historias cunha extensión máxima de 100 palabras de diálogos e de título. A misión non era doada, pero, unha vez máis, o alumnado da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación demostrou que a súa capacidade creativa vai moito máis aló do ámbito tecnolóxico, a súa especialidade, e chega ata o humanístico, demostrando así que as cuestións literarias tampouco se lle resisten. Falamos do III Microconcurso da Biblioteca desta escola, do que esta semana se fixo público o nome do gañador: Eduardo Rodríguez Calvo, alumno do centro e autor da obra A barra de pan, peza que recibiu o 36,7% dos votos emitidos.

Xunto ao traballo de Rodríguez Calvo, o xurado quixo tamén facer unha mención especial ás dúas obras que, en relación ao número de votos emitidos, acadaron o segundo e o tercerio posto, realizadas ambas por alumnas da escola. A peza, Déixote,  de Sara Berezo Loza, fíxose co segundo posto co 18,4 dos votos, e Non, é non de María Losada González, co 14,3% dos votos, co terceiro. Desde a biblioteca felicitaron aos tres polo traballo realizado e aproveitaron tamén para darlle as grazas a todas as persoas que se animaron a participar. “É unha gran ledicia ver como tres estudantes de Telecomunicación demostran á comunidade universitaria que saben enfrontar moitos outros retos ademais da carreira elixida”, recalcaron, ao tempo que deron as grazas polo seu apoio a todas as persoas ou servizos que, dun xeito ou outro, apoiaron esta iniciativa, sobre todo a propia EE de Telecomunicación.

Pendentes de fixar unha data de entrega de premios, o primeiro clasificado recibirá como premio un kit de iniciación de Arduino, doado pola Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e un diploma acreditativo. Ademais, a dirección da Biblioteca Universitaria, quere tamén premiar o talento de Sara Berezo e María Losada con cadanseu diploma “co que poidan amosar no seu currículo que saben facer moitas cousas máis” ademais das competencias propias dunha enxeñeira de telecomunicacións.