DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ata mañá mércores no Pazo do Castro no Barco de Valdeorras

As III Xornadas de Turismo Enolóxico afondan nas posibilidades de Galicia para explotar os recursos do viño

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 26/05/2009
O turismo de sol e praia xa non triunfa como anos atrás, agora a xente pide algo máis ás súas viaxes: coñecer novas culturas e tradicións, mergullarse na vida de cada lugar, degustar a súa gastronomía e satisfacer todos os sentidos. Ante estas novas tendencias, o viño e a contorna na que se elabora é unha das liñas de futuro para o desenvolvemento do turismo e, nese sentido, Galicia ofrece grandes posibilidades para explotar este tipo de actividade. Precisamente, coa intención de dar a coñecer esta tendencia, este martes deron comezo no Pazo do Castro no Barco de Valdeorras as III Xornadas de Turismo Enolóxico.
Encadradas dentro da programación académica do Máster en Dirección e Planificación do Turismo e baixo a coordinación de José Antonio Fraiz, director do posgrao, estas xornadas “son un complemento á formación dos estudantes, xa que afondan de xeito específico na materia”. Ademais de destacar o carácter educativo das sesións, Fraiz tamén apuntou que servirán para que “os profesionais do sector e os universitarios convivan e compartan coñecemento”. Non só se trata de afondar nas posibilidades do turismo enolóxico senón de “coñecer distintos territorios galegos e establecer contactos”. Por este motivo cada edición que se realizou das xornadas tivo un escenario e unha denominación de orixe diferente, “o primeiro ano fixémolas na Ribeira Sacra, o segundo no Ribeiro e, se todo segue así, a cuarta edición será en Monterrei”, adiantou Fraiz.
Afondando un pouco máis na temática das xornadas, Fraiz destacou as posibilidades deste tipo de turismo e “a necesidade de levar a cabo accións neste eido, xa que dispoñemos de moita superficie de viñedos e, polo tanto, de paisaxes turísticas”. En Galicia xa existen accións orientadas a explotación deste tipo de ocio, como as rutas do viño na Ribeira Sacra, sen embargo, “o seu desenvolvemento non é todo o satisfactorio que podería ser, non se están a aproveitar todos os recursos dos que dispoñemos”.

Visitas turísticas e relatorios

A primeira xornada, que contou con 20 participantes, tivo un marcado carácter de ocio e cultura. Tras o acto inaugural, que correu a cargo de Fraiz, deu comezo a única sesión teórica do día, unha mesa redonda moderada por Patricio Sánchez, profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, na que participaron o catador Antonio Raluy, responsable de Viños Consentido; Carlos Parra, do Hotel El Ciervo e Marcos González, do restaurante Casa Galaica. Os tres relatores ofreceron a súa perspectiva sobre a interrelación da historia, os produtos turísticos e o viño como elemento atractivo para os destinos dos turistas. Ao remate desta sesión, ás 11.00 horas, deu comezo a parte máis lúdica do programa co percorrido polas instalacións do Pazo do Castro, sede das xornadas, e as visitas guiadas ás Ermitas, “para coñecer a realidade sacra, a igrexa e a súa contorna”, e a viñedos ancestrais como son os lentellais de O Bolo. Xa pola tarde, despois do xantar continuaron as excursións coa visita ás adegas de SAT Godeval e A Coroa. A xornada remata cunha cata de viños no Consello Regular da Denominación de Orixe Valdeorras.
A sesión do mércores terá un carácter máis técnico e académico. Ao longo da mañá terán lugar tres relatorios que afondarán “na utilización do mundo do viño para o turismo, a súa situación actual e as perspectivas de futuro, a comercialización e o márketing deste tipo de produtos e a creación de marca no mundo do viño”.